MOTI

O primeiro Nadal sen a Mostra de Teatro Infantil de Ourense en dezanove anos

O alcalde de Ourense, Pérez Jácome, e o cantante Omar Montes nas piscinas termais de Outariz (Ourense)o o pasado día 16. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Suspendida unha das máis prestixiosas mostras de teatro infantil por primera vez en 19 anos pola política cultural seguida polo goberno local.

O habitual nestas datas sería que se estivese a celebrar a MOTI, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense, que nas últimas dúas décadas programou 250 espectáculos galegos, do resto do Estado, de Portugal, da Arxentina, de Francia... Mais este ano a décimo novena edición do festival que contaba con 60.000 espectadores de todas as idades non terá lugar. É a última vítima do abandono da cultura por parte do Concello de Ourense. 

O goberno local, liderado por Gonzalo Pérez Jácome, ten no seu haber a liquidación dalgúns dos eventos culturais con maior raigame na cidade das burgas: o festival de música Pórtico do Paraíso, con 12 anos de historia, celébrase agora na Ribeira Sacra, despois de que o Concello lle retirase o apoio por “elitista” (malia que as entradas eran gratuítas); o festival de danza Corpo a Terra tivo que buscar novos espazos lonxe da cidade pola falta de apoio do Concello; a Universidade Popular, que permitíu un acceso igualitario a formación durante náis de cen anos, tamén foi vítima do desprezo de Jácome, que alcumou de cursillos o seu programa; tampouco a Banda de Música da cidade conta coa simpatía do alcalde, nin o Ourense Film Festival, que pasou a mans da Deputación. O Outono Fotográfico xa deixara de celebrarse, despois de 35 anos, da man do seu antecesor, o popular Jesús Vázquez. 
 

 

De cultura a festexos 

Resisten o FITO, o Festival Internacional de Teatro, e a MITEU, a Mostra de Teatro Universitario, mais xa sen a axuda do consistorio, malia o prestixio adquirido por ambos festivais. E o Festival de Jazz de Primavera organizado polo Café Latino e o Cineclube Padre Feijoo sobreviven como poden sen a colaboración do goberno local. Os premios Vicente Risco de Creación Literaria e o Cidade de Ourense de Poesía non tiveron tanta sorte despois de que Jácome declarase que “premian a persoas non vinculadas á cidade, que recibían un premio económico de nula repercusión e vendas”. Por desaparecer, mesmo desapareceu a Concellería de Cultura, agora convertida nunha área de Artes e Festexos coordinada polo propio alcalde. 

A política errática de Jácome reflíctese nos sucesivos cambios de idea que tivo sobre o Museo Municipal, que permanece pechado desde hai máis dun ano. Primeiro, propuxo dedicalo a oficinas administrativas; despois, expuxo a idea dunha mostra permanente sobre o entroido; finalmente, decidiu que o edificio albergaría un museo sobre o viño, cuxa xestión se licitaría para unha empresa privada se fixese cargo del. Ningunha destas ideas chegou a levarse a cabo e, malia que o pleno municipal aprobou unha moción para reabrir o Museo Municipal, o alcalde non executou o acordo.  

Malia que Jácome se escuda no "gasto excesivo" para clausular algúns destes eventos, de longa traxectoria, non ten empacho en gastar un xeneroso montante -que a oposición cifra en noventa mil euros- en traer a Omar Montes, un cantante e ex boxeador que se deu a coñecer pola súa participación en distintos reality shows da televisión.  Jácome mantén que o concerto custou "só" 76.000 euros. Unha cifra coa que se poderían seguir mantendo a Universidade Popular, a MOTI e a MITEU.

 

Unha mostra para público familiar que transmitía valores

Desde os espectáculos de aforo moi reducido (teatro para bebés) até os de maior aforo (circo, concertos) en cada edición da MOTI esgotábanse as localidades en máis da metade das funcións. Mais non se pensaba só nas entradas vendidas: os valores que se transmitían, os diversos xéneros que se presentaban, a coherencia do que se programaba ou o coidado e respecto pola lingua, eran centros de atención do festival.