Profesionais da cultura rexeitan a política de "grandes eventos" na Coruña

Membros da plataforma de profesionais da cultura da Coruña leron un manifesto diante do Teatro Rosalía de Castro, na cidade herculina. (Foto: Nós Diario)

"Non estamos en contra dos grandes espectáculos, pero si de que se contraten a cambio de recortar moitos outros aspectos da cultura da cidade, sobre todo da cultura de base", explicou un dos portavoces do colectivo.

A plataforma de profesionais da cultura da Coruña reprochou ao Concello da cidade que basee a súa política en "grandes eventos" e denuncia que este feito provocou unha "diminución de orzamentos e falta de recursos" para os proxectos locais, e instan ao Consistorio a "dialogar".

"Non estamos en contra dos grandes espectáculos, pero si de que se contraten a cambio de recortar moitos outros aspectos da cultura da cidade, sobre todo da cultura de base", explicou un dos portavoces do colectivo, Juan Rodríguez.

O colectivo, que agrupa a 17 agrupacións de artes escénicas, literarias e musicais, mobilizouse esta terza feira, 16 de xullo, diante do Teatro Rosalía de Castro. Alí leron un manifesto para expresar o seu "rexeitamento" á política cultural do goberno local. Nel denunciaron que "o Fórum, o Ágora e o Teatro Colón están sen xestión" e reclamaron que "os espazos públicos estean en bo estado".

"Todo isto está a levarnos a unha cultura de cara aos grandes acontecementos", engadiron tras instar ao goberno local a "dialogar" para buscar unha solución. O manifesto, ademais, "porase a disposición dos cidadáns para que apoien esta iniciativa", avanzou este portavoz.

Preguntado por esta cuestión, o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, asegurou comprender "a preocupación" do sector, aínda que asegurou que as críticas da plataforma parten un "descoñecemento da situación".

Así, o concelleiro lembrou que a programación cultural "enfocada aos grandes eventos" está "patrocinada ao 100% pola Xunta". Apunto que se pensa "que os grandes eventos se pagan con recursos municipais, e non é certo", apuntou, para engadir que "benvidos sexan".