Un programa trae ao presente a historia das torres de Altamira
A Deputación da Coruña, a través da súa área de Patrimonio, que dirixe Xosé Luís Penas, xunto cos concellos de Brión e Ames, promove unha conmemoración o día 19 de setembro que recupera a historia da Batalla de Altamira e pon en valor as Torres como ben monumental que foi escenario do acontecemento.
A idea é iniciar a efeméride a raíz daquel día 13 de xuño de 1471 en que aconteceu a gran batalla que tivo lugar ao pé das torres de Altamira que o ano próximo chegará aos seus 550 anos de historia.
As torres de Altamira están consideradas Ben de Interese Cultural e situadas nun espazo privilexiado que as converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construído no século IX sobre o que foi un castro celta, as torres foron derrubadas no século XIV e levantadas de novo en 1471.
Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría ao deterioro do ben que a finais do XIX foi utilizado como "canteira" para a construción.
A Deputación mercou a propiedade en 1973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza, dos que hoxe só fican en pé partes da muralla e da base dunha das torres, ademais dalgunhas fiestras con arcos da reconstrución de 1471.
Actividades diversas
A xornada dará comezo ás 12 horas no restaurante Ponte Maceira coa presentación do libro A Batalla de Altamira, nun acto no que estarán as súas autoras, Mercedes Vázquez e María Pilar Rodríguez, ademais do arquitecto Mario Crecente, que dará conta das actuacións que está a preparar a Deputación no monumento.
Pola tarde, ás 20 horas, a compañía teatral Os Quinquilláns fará unha representación da batalla de Altamira, no propio escenario das torres, unha posta en escena á que seguirá un convivio con bebidas e petiscos para as persoas participantes antes de que o concerto de Baiuca poña fin ás 21.30 á festa. Para participar será necesario reservar a entrada previamente.
"Con esta conmemoración queremos botar a andar unha festa histórica que agardemos que teña unha longa vida e que o ano próximo se poida desenvolver sen as restricións que agora temos", explica Penas. A aposta do deputados pasa por converter as torres de Altamira en lugar de referencia patrimonial da Maía e recuperación da historia.
A concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral, destacou que este tipo de actividades “van a permitir dar a coñecer un importante episodio da historia da Galiza, que moitas persoas descoñecen". Así mesmo, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación da Coruña co Plan Director para este monumento pois “permitirá pór en valor as torres”.
O concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, fixo especial fincapé en que os actos reivindican "un dos monumentos máis esquecidos da comarca, como son as Torres de Altamira, que foron o motivo desta loita e o centro de operacións da familia dos Moscoso durante moitos anos".
Xestión de entradas
O acceso ao recinto será en autobús, que sairá ás 19.15 horas da Carballeira de Santa Minia. Para participar na conmemoración será preciso mercar a entrada anticipada que incluirá a asistencia ás actuacións, petiscos e bebida, transporte ida e volta e o libro.