Do 28 de outubro ao 5 de novembro

A proxección de "Santoalla" marca o inicio do OUFF

Imaxe de Santoalla

Comeza o Festival de Cine Internacional de Ourense -decorrerá entre o 28 de outubro e o 5 de novembro- e faino coa proxección de Santoalla, un documentario de Andrew Becker e Daniel Mehrer, que participarán do acto inaugural. 

A XXI edición do OUFF abre na noite da sexta feira cunha gala inaugural na que se proxectará o filme Santoalla, de Andrew Becker e Daniel Mehrer, un documentario que conta a historia de Martin Verfondern, holandés desaparecido en Petín en 2010. A fita xira arredor dunha parella de holandeses cuxo soño era vivir no campo e foron dar a Santoalla, a aldea en que Chano Piñeiro gravou Sempre Xonxa.

Alén de Santoalla, o XXI Festival Internacional presentará unha selección das producións cinematográficas e audiovisuais máis innovadoras, entre elas, case vinte películas galegas. Así, na competición iberoamericana competirán Manuel Vilariño. Ser luz, de José Manuel Mouriño e Angélica (una tragedia), de Manuel Fernández Valdés.

Aliás, noutras seccións proxectaranse O Rebelde, de Óscar Doviso; Visións, de Xisela Franco e Beli Martínez; Jeanette, de Xurxo Chirro; Sin dios ni Santa María e Montañas ardientes que vomitan fuego, ambas as dúas de Samuel M. Delgado e Helena Girón; Verengo, de Víctor Hugo Seoane; Share o No Share, de Juan Hervella Rego ou El pozo, de Héctor Domínguez-Viguera.

Nesta XXI edición, o OUFF contará cunha maior presenza feminina nos postos de dirección das películas da competición de óperas primas, un total de 7 mulleres encabezan 11 filmes. Manu Yáñez, Miriam Reyes e Luis López, na competencia iberoamericana, e Maialen Beloki, Felipe Lage e Miguel Valverde, na de óperas primas, integran o xurado.

Podes consultar a programación por días na seguinte ligazón.