O proxecto educativo de Cántigas da Terra bota a andar un novo curso

Alumnado de Escolas da Terra durante a celebración dun fin de curso. (Foto: Escolas da Terra)
As Escolas da Terra dan a coñecer a súa programación a vindeira sexta feira, 27 de setembro.

Chegado o outono, Escolas da Terra, o proxecto educativo do coro Cántigas da Terra (A Coruña), retoma a súa actividade con dous eventos: a presentación do novo curso e a presentación do novo libro de Suso Vaamonde, o seu Método de pandeireta galega.

Escolas da Terra é un espazo de dinamización cultural creado para contribuír "á divulgación e difusión da cultura tradicional galega apostando por unha ensinanza que integra os xeitos tradicionais de aprendizaxe coas técnicas de ensinanza máis innovadoras".

Achegamento lúdico ao patrimonio cultural

Cunha oferta educativa enfocada a proporcionarlle ao alumnado unha formación completa no eido artístico, as Escolas da Terra propoñen aulas instrumentais [gaita, percusión, frautas e requinta, violín, zanfona] e multidisciplinares, nas que grandes e pequenos aprenden a valorar, comprender e coñecer o noso patrimonio dun xeito lúdico e interactivo. 

O novo curso volverá ofrecer clases de canto tradicional, baile e teatro. Mais serán os responsábeis da escola quen dean conta dos detalles esta sexta, día 27. Ás 19 horas, no seu local da rúa Ramón del Cueto, o coordinador Toño Vaamonde e o director da escola Luís Bolón darán conta dos acontecementos máis destacados do novo curso e afondarán na filosofía do centro, "que busca unha simbiose entre a transmisión oral como xeito de ensinanza mesturada coas técnicas educativas máis innovadoras", salientan nun comunicado.

A sesión contará coa intervención musical de Contiños da Feira, nun encontro aberto ao público até completar a capacidade do local, antesala dun segundo convite no que participará Suso Vaamonde.

'Método de pandeireta galega'

Será "a estrea absoluta" do Método de pandeireta galega por parte do músico e autor. "A súa ampla traxectoria como intérprete, compositor e mestre de instrumentos populares galegos, aválano como unha das voces máis representativas do panorama da música tradicional", alentan o público desde Escolas da Terra.

A cita será nas mesmas instalación da escola o domingo 29 ás 20.30 horas, e incluirá un obradoiro práctico antes da presentación para aquelas persoas máis interesadas na pandeireta galega.

Método de pandeireta galega recolle trinta melodías para tocar coa pandeireta galega. "Non fai falla ter ningún coñecemento previo nin de linguaxe musical nin do instrumento en si mesmo. Coa axuda deste manual, por medio das partituras, vídeos e comentarios, poderás aprender, dun xeito didáctico e progresivo, a tocar este marabilloso instrumento noso, o máis numeroso dos de percusión na Galiza".

O manual achega códigos QR en cada partitura. Son a porta de acceso á canle de YouTube onde as aprendices de pandeireteiras poderán ver o vídeo de cada melodía as veces que faga falta, de xeito totalmente gratuíto e á velocidade que mellor se axuste ás súas habilidades técnicas e interpretativas.