Quen matou ao Mariscal Pedro Pardo de Cela?

Pardo de Cela

A figura de Pedro Pardo de Cela aínda está sumida máis nas sombras das dúbidas que na luz da realidade. Aínda queda por explicar cales foron os motivos que levaron ao asasinato de Pardo de Cela. Non tivo xuízo previo, fíxoselle redactar un testamento e foi executado dous días despois, ¿por qué tanta presa?. 

Escribir un artigo sobre o Mariscal Pardo de Cela resulta unha empresa bastante arriscada se temos en conta que entorno a esta figura histórica existen dous bandos perfectamente estruturados e con posicionamentos cada vez máis distantes. Por unha parte están os detractores, empeñados en minimizar a figura do Mariscal, primeiro convertérono nun simple bandido e asaltador de camiños e que insisten en que Pardo de Cela non deixou de ser nunca un nobre de segunda orde que cometeu o erro de enfrontarse a forzas moito máis poderosas. O outro bando tenta levar ao Mariscal ata os altares do independentismo chegando a convertelo nun mártir.Realmente a figura de Pardo de Cela non está en ningún destes extremos senón que hai que situala nun punto intermedio.

"A falla de documentación sobre o Mariscal pouco axuda ao esclarecemento desta figura e cando aparecen novos datos son aproveitados polos dous bandos para fortalecer as súas posturas". 

A falla de documentación sobre o Mariscal pouco axuda ao esclarecemento desta figura e cando aparecen novos datos son aproveitados polos dous bandos para fortalecer as súas posturas. 

A primeira pregunta que debemos facernos é quen foi Pardo de Cela?

O Mariscal era fillo de Xoán Núñez Pardo de Cela e de Tareixa Rodríguez de Aguiar. A familia de seu pai tiña as súas raíces nas terras de Betanzos, formando parte das familias nobres dependentes dos poderosos Andrade, cos que irán cortando lazos ata lograr converterse nos seus iguais. A familia materna controlaba a zona próxima á cidade de Mondoñedo. 

O Mariscal recibirá de seu pai o cargo de encomendeiro do bispado de Mondoñedo cargo que 

o asentaba económica e socialmente. Sabemos que a súa posición social mellora tralo casamento con Sabela de Castro, filla de don Pedro Álvarez de Osorio, conde de Lemos, e de dona Beatriz de Castro, aínda que hoxe en día hai quen pensa que procedía da liñaxe dos Castro de Castroverde. Nós somos partidarios da primeira opción tal e como sempre defendeu o xenealoxista Pardo de Guevara.

O seu estatus social aumentará cando case as súas fillas. A Constanza con Galaor Osorio, en primeiras nupcias, e posteriormente con Fernán Arias de Saavedra e a Beatriz con Pedro de Bolaño, asegurándose o apoio dos Bolaño e Ribadeneira de Galicia.

"A súa política de apoio ao rei Henrique IV repórtalle grandes beneficios tanto económicos (40.000 marabedís cos que podía pagar 20 cabaleiros armados con lanzas) como políticos (a alcaldía da vila de Viveiro). Pero tamén lle trae inimigos". 

A súa política de apoio ao rei Henrique IV repórtalle grandes beneficios tanto económicos (40.000 marabedís cos que podía pagar 20 cabaleiros armados con lanzas) como políticos (a alcaldía da vila de Viveiro). Pero tamén lle trae inimigos. Tanto a cidade como a xurisdición de Viveiro pertencera á familia de Xoán de Viveiro ata que Henrique IV lla retira por real sentenza dada en 1465, colocando como alcalde ao seu fiel vasalo, Pedro Pardo de Cela. Xoán de Viveiro era inimigo de Henrique IV polo cal se situou a carón da princesa Sabela, non podemos esquecer que os futuros Reis Católicos (Sabela e Fernando) casarán en segredo no pazo que Xoán de Viveiro tiña en Valladolid. O apoio, tanto económico como militar, que os Reis Católicos recibiron deste home foi pagado con creces a partires da vitoria na batalla de Toro (1476) e que decantaba a guerra sucesoria a favor dos Reis Católicos.

Esta guerra sucesoria entre Sabela e Xoana tamén tivo o seu reflexo en Galicia con ferventes partidarios en ambos bandos sometendo ao noso país aos desastres dunha guerra entre irmáns. Pese a todo o que se ten dito, Pedro Pardo de Cela apoiou ferventemente aos Reis Católicos, así o vemos participando a favor deles no cerco de Zamora de 1476 acompañando ao Conde de Lemos. Os novos monarcas recoñeceron o apoio recibi

do por parte do Mariscal manténdolle os cargos e os privilexios que o rei Henrique IV lle outorgara, pero todo cambia trala batalla de Toro de 1476. O papel que xogaba na Corte a figura de Xoán de Viveiro engrandécese considerablemente e ao sentirse poderoso en Castela mirou cara os seus inimigos en Galicia, en concreto cara a persoa que ocupaba o cargo de alcalde de Viveiro e que consideraba responsable do seu infortunio. A reacción foi fulminante e o 10 de outubro dese mesmo ano Pardo de Cela é deposto do cargo de alcalde, o 27 do mesmo mes a raíña Sabela prohibe terminantemente que ningún cabaleiro galego intente facerse co control da vila de Viveiro. Quedáballe ao Mariscal tan só o control sobre a cidade de Mondoñedo, pero en xuño de 1477 os Reis Católicos ordénanlle ao gobernador de Galicia, conde de Ribadeo, que investigue os atropelos cometidos por parte de Pardo de Cela contra os intereses da igrexa mindoniense. En 1478 noméase como corrixidor de Viveiro a Fernando Cerón, ca orde exclusiva que acabar con todo tipo de poder que o Mariscal tivese na zona. Contra este corrixidor Pedro Pardo tivo que pedir varios amparos reais de protección pois as tropas de Cerón atacaran varios lugares dependentes do Mariscal matando a labradores indefensos. A pesares de ter conseguidos dous documentos reais de amparo de nada lle serviron ao Mariscal.

"Pese a todo o que se ten dito, Pedro Pardo de Cela apoiou ferventemente aos Reis Católicos, así o vemos participando a favor deles no cerco de Zamora de 1476 acompañando ao Conde de Lemos". 

Para acrecentala a situación de penuria económica do Mariscal os Reis Católicos ordenan o 10 de xuño de 1478 devolver de maneira inmediata as cantidades económicas que lle adebedaba a Facenda. Aparte diso ordénanlle abandonar, tamén de maneira inmediata os portos que el construíra en Bares e na desembocadura do Masma (actual porto de Foz).

O Mariscal viuse imposib

ilitado de abonar os cartos que adebedaba á facenda real dende o momento en que se lle retiran as fontes de ingreso (encomenda de Mondoñedo, Viveiro e os portos) quedándolle como única alternativa o incumprimento da orde real.

En 1480 os novos monarcas nomean como Gobernador de Galicia a Fernando de Acuña ca orde de pacificar aos nobres galegos, empregando para iso todo tipo de recursos e artimañas. Se ben é certo que Acuña dirixiu a súa campaña en contra dos nobres galegos de maneira xeneralizada tamén o é que tivo especial interese en acabar con Pardo de Cela, ¿por qué?. Tal vez a razón radique en que o novo Gobernador de Galicia é irmán de María de Acuña e polo tanto cuñado de Xoán de Viveiro, inimigo acérrimo e declarado do Mariscal.

A presión que Acuña exerce sobre Pardo de Cela aumentou en tal grado que tan só lle quedou como única posibilidade a resistencia armada contra as tropas do gobernador, esa era a escusa que os inimigos do Mariscal buscaban para xustificar unha campaña militar en contra deste nobre galego.

"Se ben é certo que Acuña dirixiu a súa campaña en contra dos nobres galegos de maneira xeneralizada tamén o é que tivo especial interese en acabar con Pardo de Cela, ¿por qué?"

O Mariscal acabará sendo cercado na súa fortaleza da Frouxeira polas tropas dirixidas polo mercenario francés Lois de Mudarra. Tras unha loita prolongada e sanguenta que provocara grande número de mortos  Mudarra optou por comprar a 21 criados, tal e como recolle a tradición popular, para que lle abrisen as portas da fortaleza. Trala caída da Frouxeira o Mariscal será apresado nunha casa de Castrodouro e trasladado a Mondoñedo, onde será encarcerado e executado sen xuízo previo. No mesmo intre en que o machado do verdugo cortaba o pescozo do Mariscal este entraba no mundo da lenda.

A tradición oral recolle enseguida lendas como que a cabeza do Mariscal cae rodando mentres recitaba o credo como símbolo de arrepentimento por ter levado de maneira fraudulenta bens da igrexa de Mondoñedo algo que non é certo, nin o da cabeza nin o dos bens da mitra.

A seguinte lenda fai referencia ao indulto que traía a súa dona que será detida na ponte de Ruzos, paso obrigatorio da calzada que viña de Castela a Mondoñedo, ata que as campás da catedral tocaron anunciando a morte do Mariscal. Di a lenda que dende ese mesmo instante esa ponte pasou a ser coñecida como a Ponte do Pasatempo, algo que non é certo pois esa ponte empeza a ser coñecida por ese nome a mediados do século XVIII.

Tampouco resultou ser certo que a cadea coa que foi encarcerado o Mariscal fose coñecida dende entón como A Mariscala, porque parece ser que Pardo de Cela estivo custodiado, máis que preso, na casa dun cóengo ata o intre de ser executado. 

Trala caída da Frouxeira o Mariscal será apresado nunha casa de Castrodouro e trasladado a Mondoñedo, onde será encarcerado e ex

ecutado sen xuízo previo. 

Tampouco é certo que trala morte do Mariscal a nobreza galega capitulase sen máis pois continuaron as loitas en contra das tropas do Gobernador. Así Constanza, filla de Pardo de Cela, e o seu home son cercados na fortaleza de Vilaxoán ata que ela morre e o seu marido rende a fortale

za. A outra filla do Mariscal, Beatriz, inicia unha loita nos xulgados para conseg

uir recuperalos bens que lle quitaran, de maneira ilegal, a seu pai, algo que non conseguirá ela pero si o seu fillo. O outro xenro do Mariscal, Pedro de Bolaño, será un nobre que non se someta aos mandatos dos Reis Católicos en ningún momento. Alonso Vázquez de Cabarcos, casado con Leonor, neta do Mariscal, será obrigado a acudir á toma de Granada para granxearse a amizade e o perdón dos Reis Católicos, de igual maneira que acontece cos Díaz de Labrada, familia de San Pedro de Mor, que foron obrigados a acudir cas armas á toma de Baza e Granada por ter cometido o delito de ser “allegados del Mariscal Pedro Pardo de Cela e andavan en su compañia cometiendo muchos delitos”.  

"Trala morte do Mariscal o papel que ata ese momento xogara a nobreza galega desaparece pasando a ser un estamento sometido, totalmente, aos designios da nova monarquía centralista".

 

A figura de Pedro Pardo de Cela aínda está sumida máis nas sombras das dúbidas que na luz da realidade e cada vez que aparece un documento relativo ao Mariscal en vez de arroxar claridade sobre a súa figura serve para crear máis dúbidas. Porque aínda queda por explicar cales foron os motivos que levaron ao asasinato de Pardo de Cela. Non tivo xuízo previo, fíxoselle redactar un testamento e foi executado dous días despois, ¿por qué tanta presa?. Tal vez a razón do seu asasinato se atope moito máis preto da ansia de vinganza da familia do Viveiro do que ata agora pensamos.

O que é innegable é que trala morte do Mariscal o papel que ata ese momento xogara a nobreza galega desaparece pasando a ser un estamento sometido, totalmente, aos designios da nova monarquía centralista.

Atrás quedaban aqueles tempos nos que en Galicia se vivía de maneira máis independente con respecto ás ordes dadas polos reis casteláns, que aquí eran tidos como algo moi afastado de nós.