Quico Obelleiro: "Ás nenas e nenos chamáballes a atención que os irmandiños botasen abaixo fortalezas"
Como xorde o proxecto?
Tiñamos un tesouro aquí, ao carón da casa, que é o castelo de Soutomaior, e non nos decatamos até hai dous anos. Isto sae no momento en que tomamos a dirección un grupo de persoas e decidimos cambiar un pouco o rumbo do colexio. Nun primeiro momento puxémonos de acordo en que había que comezar a ensinar doutro modo. Propuxemos ás compañeiras e compañeiros preparar distintos proxectos. A xente achegou ideas e, cando unha compañeira propuxo o castelo, a chispa que sentín foi importante.
Eu son de conxugar a primeira persoa do plural, o 'nós' compartido, democrático e plural onde todas e todos decidimos. A inmensa maioría escolleu o castelo de Soutomaior e fómoslle dando forma.
En que consiste Viaxe á Idade Media a través do Castelo de Soutomaior?
O proxecto céntrase nun achegamento á Idade Media a través do noso castelo e da figura de Pedro Álvarez de Soutomaior. Deu un xogo fantástico en todas as materias, desde galego até a plástica, a música... A idea era que servise para todo, non soamente se trata o tema histórico, senón moitas cuestións. Había moitos nenos e nenas que non foran nunca ao castelo e tampouco hai nada gardado sobre Pedro Álvarez, nin sequera pequenas pinturas ou esculturas. Foron imaxinando eles todo e foi moi bonito.
Que obxectivos persegue?
A aposta por ensinar doutro modo, onde as cativas e os cativos realizan unha investigación a través dun descubrimento que os mestres van guiando. Desta forma, séntense os verdadeiros protagonistas do ensino. Tratamos de apostar polo traballo cooperativo, un novo ensino onde o libro só serve para consultar e os mestres preparan o material para que o alumnado poida buscar a información.
Lembro cando nos falaban dos socalcos e nos puñan fotos de Vietnam, de Tailandia... cando aquí ao lado, en Arcade (Soutomaior), temos uns socalcos fermosísimos onde a xente traballaba o seu minifundio. Ás veces, tratar a contorna é moito mellor, porque ás crianzas fáiselle todo máis visíbel e críbel, todo ten máis significado.
Como se foi desenvolvendo?
Desde a comunidade educativa achegamos ideas a través dun núcleo principal, que foi a biblioteca. Foi outra cuestión da que nos demos conta desde dirección. Tiñamos moita actividade feita durante anos e faciamos moitas cousas, pero non tiñan un contido nin uns obxectivos claros que nos identificasen o colexio como grupo.
Logo, fomos presentando as actividades aos pais e nais e pedíndolles unha man con certos proxectos, como foi o caso das fortalezas. Aos nenos chamáballes moito a atención como os irmandiños eran capaces de botar abaixo as fortalezas e pensaban como serían. Cada un imaxinou a súa e saíron traballos moi bonitos.
Estanse a levar a cabo outros proxectos a día de hoxe?
Agora estamos desenvolvendo un de sostibilidade. Partimos do castelo para analizar como sería a auga naquel momento e como é hoxe en día. Resulta curioso ver como os cativos se van decatando de que o castelo non está construído ao azar, senón que hai regos, fontes, minas de auga... Descobren como aproveitaban a auga e a súa importancia. Logo trasladámolo á actualidade, coas problemáticas vixentes, a contaminación, o que podemos facer nós para mellorar un ben e non estragalo...
Decatámonos do relevantes que son estes proxectos de formación. Procuramos a felicidade das crianzas, que veñan contentas á escola e que saiban que veñen a aprender. Cada un, como comunidade educativa, ten que deixar a súa pegada do bo facer. Somos un colexio cun ambiente agradábel, que traballa moito e que está perto das compañeiras e compañeiros e das familias. É a nosa filosofía.