MÁIS

Razo-Baldaio por diante

Participantes no roteiro con Xabier Maceiras o pasado 6 de xullo. (Foto: Concello de Carballo)
Explorar o medio e coñecer a biodiversidade das praias de Carballo.

O Concello de Carballo (Bergantiños) realiza un ano máis o programa 'Eu quero Razo-Baldaio'. Esta quinta edición comezou o 3 de xullo e rematará o 7 de setembro e busca crear hábitos de turismo sostíbel e promover o respecto pola biodiversidade e a natureza no litoral de Carballo.

O Concello colabora para o desenvolvemento das actividades con entidades como a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), a Asociación Ambiental Senda Nova, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío ou a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma). O programa inclúe vinte actividades e a maioría requiren de preinscrición. Mañá, 10 de xullo, haberá unha exploración das pozas das mareas en Razo, da man de Adega, e esta fin de semana desenvolverase un obradoiro sobre pegadas e indicios nos camiños. 

Para as vindeiras semanas hai unha gran cantidade de actividades programadas. Camiñadas e roteiros, limpeza colectiva da marisma de Baldaio, descuberta do mundo das bolboretas nocturnas, observación e identificación da fauna e flora das contornas dunares en Baldaio, observación astronómica, obradoiro de iniciación á fotografía da natureza, etc.

Como novidades respecto a anos anteriores están as 'Pekeolimpiadas', que decorrerán os días 7 e 14 de agosto. Poderán participar menores de catorce anos en grupos de cinco. Outra novidade é a suba nocturna ao Monte Neme, que contará cunha clase maxistral do físico, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e divulgador Jorge Mira. Outro experto convidado é o artista Nando Lestón, que realizará o un obradoiro a partir de obxectos recollidos no litoral.