Contracultura

Rebeca Losada: "O dixital permite democratizar a arte, pero ter un cadro único tamén dá moita satisfacción"

Rebeca Losada leva máis dunha década dedicada á ilustración (Foto: Nós Diario).
Rebeca Losada, ilustradora, vén de inaugurar na galería Maraca (Vigo) unha exposición na que recolle os seus carteis relacionados co mundo da música e dos concertos. É precisamente pola viveza das cores, achegadas ao psicodélico, e polo abstracto das formas utilizadas que esta recibe o nome de 'Soño Pop'. 

—Cal está a ser a acollida da exposición?
Moi boa. Estiven o día da inauguración e acabei gratamente sorprendida polo ambiente que se creara, tan bonito e íntimo. Logo cónstame que está indo xente porque me etiquetan ou falan de min nas redes. Tamén é certo que axuda moito que sexa un espazo tan bonito, porque eu teño feito exposicións noutros sitios que, sen ser mellores nin peores, quizais non encaixaban tanto coa miña obra. Neste caso parece que está feito a medida porque está cheo de cor e doutros elementos que fan que encaixe todo moi ben. De feito, eu xa seguía a galería Maraca e me gustaba moitísimo cando me contactou Raúl Bermúdez, o dono, para facer este proxecto. 

Xa colaboraramos nalgún outro proxecto e como agora parte da miña faceta como artista está moi vinculada ao mundo dos carteis musicais propúxome facer esta colección co material que xa tiña, tanto para bandas como para eventos. É un resumo dos últimos cinco anos do meu traballo. 

—Fala das cores, como chegou a definirse neste estilo?
Non foi unha decisión que tomara dun día para outro; creo que o estilo é algo que se vai definindo pouco a pouco. Cando comecei a debuxar facía algo completamente distinto: os meus traballos eran máis realistas e escuros. De súpeto empecei a probar a utilizar máis cor, a facer as liñas máis sinxelas e así pouco a pouco volveuse no estilo no que máis cómoda me atopaba. 

Como digo, non foi froito de pensar que quería facer algo así, senón que foi derivando e agora diría que xa é un dos sinais de identidade da miña obra.

Tamén é certo que depende moito de cada artista. Eu sempre intento ser diferente para as persoas coas que traballo, se fago un póster para unha banda de rock terá un trazo máis canalla e non tan naif como cando o fago para unha banda de pop. Trato de atopar sempre ese equilibrio de maneira que todas as persoas que estamos nese proceso creativo esteamos cómodas. 

—Ten pensado facer algunha exposición con outras temáticas da súa obra?
Como dicía, unha parte do meu traballo como artista está ligado a este mundo. Os carteis por exemplo sempre van xurdindo porque sempre hai artistas que van chamando para un concerto que teñen dentro dun par de meses, e ademais son proxectos nos que hai moita liberdade porque ao final é un póster para un día, que non vai ter unha vida tan longa. Agora mesmo tamén estou traballando nun par de discos para diferentes artistas, dos que polo momento non podo contar nada, mais neste caso os procesos creativos xa se alongan no tempo, xa que o deseño ten que estar en moitos máis formatos e tamén está a discográfica polo medio.

Todo isto é algo que eu desfruto moito, mais é certo que non quero quedarme só neste mundo. Por iso agora estou pintando moitas ilustracións que, efectivamente, están pensadas para outra exposición que quero facer, neste caso máis aberta e máis persoal. Aínda non ten unha liña moi definida, polo que é pouco o que podo adiantar, mais o que teño claro é que quero que sexa máis analóxica. 

Quero volver ás pinturas, ao acrílico, as acuarelas, ao óleo... Apetéceme moito tamén facer obras únicas. Facer as pezas en dixital ten a vantaxe de que permite sacar 100 reproducións dun orixinal, é unha forma de democratizar a arte porque isto tamén facilita que poidas baixar os prezos e que moitas máis persoas poidan optar a unha ilustración.

Con todo, tamén me gusta compatibilizar esta visión coa idea e a satisfacción que dá ter un cadro que sexa único. Ademais, é algo que eu sempre fixen, levo pintando desde moi pequena e non quero deixalo. Agora penso que levo moito tempo sen coller un pincel de verdade e por iso estoume centrando tamén en facer obras de gran formato que sexan pezas únicas.