Sexta feira en Pontevedra

Reestrea do documentario ficcionado 'Castelao: de chumbo a verba'

Fotograma de 'Castelao de chumbo a verba'.

Castelao: de chumbo a verba narra a historia dun alumno a facer un traballo sobre Castelao. Con forma de documentario ficcionado, achégase á vida do intelectual e líder do Partido Galeguista e facilita o acceso ao seu pensamento e obra. Esta sexta feira, 25 de xaneiro, proxectarase ás 20.30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.
 

Após o suceso da súa presentación o pasado 20 de maio, cando encheu o Pazo da Cultura de Pontevedra, o filme de Miguel López verase en “restrea oficial”. A historia de Xavi, intepretado por Iago Novoa, e a súa mestra, a actriz Uxía Blanco, á procura de Castelao -Miguel Pernas- fai unha viaxe entre realidade e fantasía mentres percorre lugares significativos da Pontevedra de Castelao.


 
“Non se pode imaxinar Castelao sen Pontevedra e a Pontevedra sen Castelao”, explica o cineasta Miguel López. O filme inspírase no libro Roteiro Castelao, un proxecto do concello pontevedrés publicado no ano 2000 e que trata a cidade seguindo a pegada do escritor. A cinta remata en 1936, xunto antes do golpe fascista de Franco e o exilio do líder nacionalista.


 
“Eu comezaba no audiovisual e foi cando pensei en levalo adiante. Quería un proxecto didáctico que os nenos entendesen”, explica. Para o director, é un erro focar sempre cuestións ou personaxes de tipo histórico cara un público adulto e insiste na facilidade para comprender e gozar da película “teñas a idade que teñas”.


 
O filme, preseleccionado para os premios Mestre Mateo, participará tamén no Festival Internacional de Cine Documental de Tui. Amais, visitará os centros galegos das principais cidades españolas e está prevista a súa presentación no Centro Galego de Bos Aires.