As relacións da música co demo pechan o ciclo Do Audible 2014

.

O "poder excepcional, temible e admirable" da música centra o último programa do ano do ciclo Do Audible. 

Co título "A música e o diabólico" o colectivo Vertixe Sonora Ensemble arma un concerto que terá lugar o venres 14 de novembro ás 20h no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Para facelo contarán coas composicións de Salvatore Sciarrino, Mauricio Pauly e Pierluigi Billone e cunha agrupación convidada: o Distractfold Ensemble de Manchester.

Ademais o programa "A música e o diábolico" conta coa introdución dun dos maiores especialistas en Wagner, Enrique Gavilán, profesor de Historia Medieval na Universidade de Valladolid e autor de, entre outros libros,  Entre la historia y el mito: El tiempo en Wagner (Akal, 2013). Os músicos de Vertixe Sonora Ensemble contan neste último concerto do ano coa colaboración do Distractfold Ensemble, de Manchester, que, desde o seu debut en 2011, estableceuse como unha voz potente e arriscada na comunidade británica. O grupo especialízase en música instrumental,acusmática e híbrida do século XXI, escrita por compositores da nova xeración.

Este é o segundo ano que se celebra O ciclo Do Audible, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e dirixido por Vertixe Sonora. O ciclo, que investiga puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento, que faciliten o achegamento do público non especializado e a conquista dunha percepción musical máis consciente, arrancou en xuño deste ano no campus Ourense. Encheu de público as singulares propostas levadas a cabo no Museo do Mar de Galicia, coa presentación do karnix, instrumento ancestral que imita o son das baleas, construído por Abraham Cupeiro, e na interpretación de Tierkreis de Karlheinz Stockhausen o pasado mes de outubro no Planetario da Coruña.

Beleza demoníaca da música

No concerto "A música e o diabólico", destácase a beleza demoníaca da música, a súa capacidade para o encanto e a posesión, a súa ambigüidade insoluble, cuxa manifesta

ción máis sinalada sería o intervalo de cuarta aumentada ou “diabolus in musica”.  O repertorio está formado por Tre notturni Brillanti (1974-75) de Salvatore Sciarrino, Its fleece electrostatic (2012) de Mauricio Pauly e Mani.Giacometti (2014) de Pierluigi Billone.

Vertixe Sonora Ensemble, que organiza o festival de música contemporánea Vertixe Vigo, a celebrar estes días, é un dos colectivos da península máis destacados na difusión da música e dos autores contemporáneos. Impulsa xunto a Gare du Nord de Basel (Suiza),  Institut für Elektronische Musik und Akustik – IEM de Graz (Austria),  Sound and Music de Londres (Reino Unido), Sonic Arts Research Centre de Belfast, (Reino Unido) e Sofa Music de Oslo (Noruega), a rede europea CYCLOID.