A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O Renacido, o agasallo de Iñárritu para o Óscar de Di Caprio

Un fotograma do filme

Un filme de grande mestría técnica e portentosa fotografía ao servizo dun actor que pide a berros a súa primeira distinción pola Academia de Hollywood.

 

O RENACIDO
The Revenant
(Estados Unidos 2015, 156 min.)
Dirección: Alejandro González Iñárritu
Guión: Alejandro González Iñárritu e Mark L. Smith
Fotografía: Emmanuel Lubezki    
Música: Carsten Nicolai e Ryuchi Sakamoto
Elenco: Leonardo DiCaprio, Tom Hardy, Domhnall Gleeson, Will Poulter, Lukas Haas, Forrest Goodluck, Paul Anderson, Kristoffer Joner, Joshua Burge, Melaw Nakehk’o, Fabrice Ade, Arthur RedCloud, Christopher Rosamond, Brendan Fletcher

SINOPSE
Nunha expedición de trampeiros o explorador Hugh Glass resulta gravemente ferido por un oso grizzly. Os indios Arikara axexan, así que teñen que deixalo atrás á súa sorte. Mais a forza de vontade e, sobre todo, a sede de vinganza, producen en Glass un extraordinario desexo por sobrevivir.

CRÍTICA
Non é por desmerecer aos Fassbender (Steve Jobs), Damon (Marte), Cranston (Trumbo) ou Redmayne (A moza danesa), pero está claro que este ano tócalle gañar o Óscar a Leonardo DiCaprio. Aparte de estar en todas as quinielas e de levar unha chea de anos merecéndoo, practicamente todo o filme d’O renacido está deseñado en exclusiva para que o consiga dunha vez. Ou iso parece... Iñárritu, un tipo que semella ter un extraordinario sentido do humor, nalgún momento da produción entre o peche de casting e previo á milimétrica planificación técnica, debeu pensar algo así: “qué carallo teño que facer para que lle dean o Óscar a Leo?”. Así que, baseándose na historia real do aventureiro Hugh Glass novelada por Michael Punke, logra que DiCaprio loite co, xa famoso, oso Grizzlie nunha extraordinaria secuencia avalada cun Premio Annie (os Óscar da animación) á Mellor Secuencia Animada en Acción Real, para a continuación padeza un dos maiores calvarios que se viron no cinema e que colocan A paixón de Cristo (de Mel Gibson) ao nivel dunha peli Disney. A historia non é nova. Richard “Cabalo” Harris, un actor que tamén vimos sufrir o seu en pantalla, xa interpretou o papel de trampeiro atacado por oso que é abandonado á súa sorte e clama vinganza no filme de 1971 O home dunha terra salvaxe, mais O renacido vén empacado na dirección deluxe da dupla Iñárritu-Lubezki filmada só con luz natural, amén dun par de escenas nocturnas nas que fixeron “trampa” ao colocar unhas pequenas lámpadas entorno a fogueira. Detéctanse autorreferencias pero sobre todo chama a atención certas reminiscencias estéticas ao estilo Terrence Malick (A árbore da vida), Terry Gilliam (Brazil) e Andrei Tarkovsky (Stalker). Cinefilia de nivel pero que destila polos catro costados... Tanto é así que por momentos “o todo” (a realización/fotografía) case subxuga “ao individuo” (DiCaprio), o cal pode restarlle méritos á hora de conseguir o resto de candidaturas (12) ás que se presenta mais, de non ser así, estaríamos ante un monólogo de sufrimento continuado de máis de dúas horas de duración certamente difícil de tolerar para estómagos normais. De feito a crueza en certos momentos é tal que non eran poucos na sala que se lles escapaba un riso nervioso ou que desviaba a mirada para non presenciar a escena.

Por moi brutal que son certas secuencias a cámara de Iñárritu non se aparta, é máis, achégase tanto que hai momentos que o alento embaza unha lente salpicada de sangre

Por moi brutal que son certas secuencias a cámara de Iñárritu non se aparta, é máis, achégase tanto que hai momentos que o alento embaza unha lente salpicada de sangre. Se sumamos isto a un particular formato anamórfico panorámico de 35 mm que deforma a imaxe para que pareza que estamos dentro da acción, o realismo chega a ser case de realidade virtual. Outra pequena pega, por poñerlle algunha, é a falla de sincronización labial cando falan os nativos. Canta bastante un par de veces. Isto probablemente tamén lle reste opcións, sobre todo na categoría de Mellor Son. E o resto penso que vai a estar repartido porque este ano non hai claro favorito e tamén porque anda metido en disputa o grande George Miller e a súa extraordinaria Mad Max. O que si é seguro é o Óscar para DiCaprio que regala a interpretación máis física da súa carreira, quizais non sexa a mellor, pero é desas que quedan na retina e que tanto gusta aos membros da Academia. De feito hai un momento (non podo dicir cal) que Iñárritu faille mirar a cámara -case en modo súplica- como dicindo: “qué máis teño que facer para que mo deades?”. Non se queda atrás Tom Hardy, nomeado a Mellor Secundario, que interpreta a John Fitzgerald, a némese de Hugh Glass e buscavidas malencarado, mentirán e cínico na liña do Sarxento Barnes/Tom Berenger de Platoon (1986, Oliver Stone). Completan o reparto Dohmnall Gleeson (Ex-Machina), Lukas Haas (Único testigo) ou o prometedor Will Poulter (Somos os Miller). Cinema de alta calidade do tándem Iñárritu-Lubezki que, se ben non acada a obra mestra de Birdman, si que se achega bastante e demostra, unha vez máis, que están a outro nivel...