MÁIS

Retorna o Folión carroceiro

Carro 'O escribán de Gordón' da edición 2022 que se ambienta na peripecia do escribán Benito Alonso Ledo Ouro. (Fotos: Folión de Carros)
Os relatos sobre rodas de Chantada 

O 24 de agosto decorre un dos eventos máis enxebres da comarca de Chantada. É a mostra dos carros, unha celebración que devolve á memoria colectiva este útil esencial na vida labrega dedicado nas súas orixes ao transporte. Neste senso, o que fan en Chantada desde décadas atrás é tomalo e convertelo en arte da man das pandas, que os adornan con tempo e coidado.

Malia todo, a festa evolucionou de tal maneira que este transporte quedou pequeno para cargar todas as ocorrencias da veciñanza e todos os recoñecementos recibidos polo Folión (Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural). Por este motivo e xa en soportes de ferro, as e os habitantes de Chantada afrontan os días previos ao desfile de carros, punto álxido das festas patronais da localidade.

O desfile comeza ás 22.30 horas coa chegada das xugadas ou bois aos carros, que camiñan cos gandeiros desde o espazo habilitado na Avenida de Monforte até o lugar de saída do Folión. Este ano, o comezo do desfile, diante do palco do xurado e autoridades, virá da man do baile da "Muiñeira do Folión de carros" a cargo da sección de baile da Agrupación Tradicional da Casa da Música de Chantada. Tras isto, engancharase o xugo e a cabezalla e ás 23 horas  comezará, como de costume, o desfile pola praza da Costaña.

Nese camiño a poboación chantadina esculcará as invencións creadas polas pandas para percorreren coas súas historias e temáticas a noite do sábado 24. Mentres iso non se produce, só queda facer memoria das ideas presentadas noutros anos como a do carro 'Deste queixo non me queixo' (2022) da casa da queixeira ou o relato sobre a matanza do porco 'Non hai pan para tanto chourizo' (2019).