Máis

Revenidas, feche do verán festivaleiro

Unha ateigada praza da Quintana de Compostela recibiu as Fillas de Cassandra na Ascensión este ano. (Foto: Arxina).
O Festival Revenidas será a última cita musical do verán galego, desenvolvéndose entre os vindeiros 12 e 15 de setembro en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa, O Salnés). É unha cita imperdíbel no calendario festivaleiro, mesturando no seu cartaz artistas do panorama galego actual con grupos internacionais.

Pasaron máis de dúas décadas desde que o Festival Revenidas encetou a súa andaina para facer outra vez de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa, O Salnés) unha vila de renome. Así o conta Xoán Quintáns, director do Revenidas, a Nós Diario, "Eramos un grupo de rapazas e rapaces da vila que en 2003 buscamos revitalizar culturalmente Vilaxoán dalgunha maneira distinta". Querían escapar un pouco das orquestras que se achegaban nas festas e apostar pola música con selo do país e que soase en galego. Vilaxoán atopábase entón nun momento de retroceso económico polo feche ou deslocalización de empresas conserveiras.

As raíces do festival atópanse tamén nunha vella tradición desta vila mariñeira, a festa das sardiñas revenidas. A festividade segue patente na programación, cunha sardiñada popular o último día do festival. Ademais, "revenidas" é a forma tradicional de preparar as sardiñas en Vilaxoán. Consiste en lavalas, secalas e cubrilas con sal gordo entre doce e vinte e catro horas para posteriormente poñelas sobre unha grella ou directas sobre as brasas. Deberanse facer só as sardiñas que se vaian consumir, posto que se deben comer ao momento de facelas.

O Revenidas é desde hai vinte e un anos a cita festivaleira encargada de fechar a tempada estival, levando sempre artistas do panorama galego actual por diante, sen esquecer grandes procedentes do estranxeiro. Para a organización do Revenidas non importa medrar nin traer "cantantes de grande éxito", posto que o primordial "é facer unha festa para a veciñanza de Vilaxoán", levando Galiza e a defensa do propio por diante e sen esquecer os piares sobre os que se sustenta.

Un programa para todos os gustos

Nesta XXI edición contémplanse diferentes citas musicais e actividades paralelas entre os vindeiros 12 e 15 de setembro. Mais antes disto xa decorreu o pasado 28 de xullo no Monte do Gozo (Compostela) o Revenidas Miúdo, festival enfocado no lecer da cativada e en familia. Máis de 4.000 persoas desfrutaron dos concertos de balde de Cé Orquestra, Pakolas e Laura Romero ou Arrolos de Leite, entre outros, e dos mellores xogos populares. A xornada resultou todo un éxito e desde a organización do Revenidas xa prevén realizar unha terceira edición o próximo ano. Mais deixando atrás o Revenidas Miúdo, o 12 de setembro o festival comeza coa actuación de Dakidarría, que fai 20 anos e que en Vilaxoán presentará o seu documental, gravado ao longo da xira para conmemorar as dúas décadas de historia do grupo. Ademais, o dúo vigués Vértebras espallará o hip hop do seu primeiro disco, 42 gramos, que saíu en marzo.

Fillas de Cassandra tomarán o relevo o día 13, igual que García MC and Nación Quilombo e Lontreira, que porán a bailar todo Vilaxoán con Campo da Festa e seu último sinxelo "Que baile! Que baile! Que baile!" con Los Jinetes del Trópico.

O sábado será a quenda de Tanxugueiras, un dos grupos galegos máis recoñecidos fóra das nosas fronteiras, e The Rapants, que co seu último álbum parecen seguir o mesmo camiño. Será o día grande do Revenidas, contando na programación con grandes voces femininas como Guadi Galego ou Catuxa Salom, que busca unha mestura entre a súa Galiza natal e as raíces familiares que posúe na Arxentina. Tampouco faltará o grupo Loita Amada e Rebeliom do Inframundo, que bautizan o seu paso polo Revenidas como Rebeliom do Inframundo é un movemento, contando coa colaboración de diversas artistas invitadas para pór case punto e final á súa xira Amor e Barbarie. Yaya Dj e a discomóbil A Duendeneta fecharán o día.

Na última xornada, Vilaxoán reconectará coas raíces pesqueiras na sardiñada popular, contando con Uxía Lambona e a Banda Molona, Caamaño e Amexeiras, Mekanika Rolling Band e De Ninghures para fechar unha das citas máis esperadas do calendario galego de festivais.

Os catro días festivaleiros tamén acollerán diversas actuacións de artistas internacionais como Lendakaris Muertos, Muchachito Bombo Infierno, El Kanka ou Dubioza Kolektiv desde Bosnia, entre outros. Para o grupo La Pegatina, o Revenidas será o fechamento do seu paso pola Galiza, mentres que a cantante Mafalda e Lágrimas de Sangre terán en Vilaxoán a súa única actuación dentro do país. Para o valenciano Xavi Sarrià será a última vez nun escenario antes do seu parón musical indefinido.
Segundo explica a organización, a modo de pequeno tributo ao empresariado catalán que chegou no século XIX para introducir a salgadura e novas técnicas de pesca entre a veciñanza de Vilaxoán, o Revenidas inclúe diversos músicos de Catalunya no seu cartaz. Algúns deles son Muyayo Rif ou o The Tyets, que co seu éxito "Coti x Coti" foron o primeiro grupo catalán en superar o millón de oíntes na plataforma Spotify.

Solidariedade con Palestina

Dentro do marco do festival tamén terá lugar a gala de circo solidaria, a feira revenida e o concerto de Peter Punk o domingo 15 ás 18 horas. Os fondos recadados neste último concerto irán destinados a diferentes asociacións en axuda do pobo palestino.

Unha edición máis, o roteiro Redescubre Vilaxoán estará presente no Revenidas. Consistirá nunha visita por puntos emblemáticos da vila en compañía do músico Xurxo Souto e parte da veciñanza.  "Para a vila, o festival implica algo moi grande, porque lle dá certo éxito económico. Hai bares e estabelecementos hostaleiros que viven case do que fan estes días", pon de manifesto Xoán Quintáns, que engade tamén que grazas o labor e traballo de diversos colectivos sociais Vilaxoán está a facerse cun sitio destacado no mapa.