Xeración Alfa

Bruno Arias, saúde mental, influencers galegas e moito máis no novo número de 'Xeración Alfa'

Segundo número da revista 'Xeración Alfa'.
A única revista xuvenil en galego publícase esta terza feira, de balde, con 'Nós Diario'.

Esta terza feira, 14 de maio, como todas as terzas do presente mes, o xornal Nós Diario vén con premio. Xunto ao diario poderás atopar, totalmente de balde, o segundo número de Xeración Alfa, a única revista xuvenil en lingua galega. A revista presentouse en sociedade a pasada semana en Pontevedra e tivo unha grande acollida, con até 6.700 exemplares distribuídos.

Desta volta o protagonista é Bruno Arias, o director revelación do cinema galego. Con só 25 anos debutou co filme Os espazos en branco, premiado cun Mestre Mateo. O xornalista Rafa Ruíz-Matas entrevístao para Alfa con motivo do seu recente —e moi temperán— éxito. "Non teño grandes soños. Gústame o que está pasando agora. Quero seguir traballando na montaxe, que me gusta moito, e idealmente querería probar a dirixir outros proxectos audiovisuais", comenta nesta conversa.

A reportaxe de apertura deste novo número de Alfa asínaa tamén Ruiz-Matas e versa sobre a necesidade de visibilizar e falar de saúde mental fronte aos tabús e aos prexuízos, un obxectivo que teñen psicólogas, psiquiatras e divulgadoras de toda Galiza. Loitan cotra os prexuízos, pola normalización e unha atención sanitaria gratuíta, e con elas conversamos na nosa revista xuvenil.

Non hai temática que se lle resista á creación de contido en galego. As redes resultan un portal para a información, a divulgación, a cultura, o lecer e o entretemento... Consolídase así unha industria na que a creatividade esperta na lingua propia, e sobre isto escribe na sección 'Lingua viva' a xornalista Ana Loureiro.

As ramas de Ciencias Sociais e Humanidades vertebran os estudos relacionados coa análise do individuo e a evolución da sociedade. Xeración Alfa repasa a oferta formativa dispoñíbel neste novo número, falando tamén con moitas desas estudantes que se decantan polos estudos destes ámbitos, para coñecer de primeira man a súa experiencia.

En festivais, bares e redes sociais as voces do futuro da música buscan un oco no que facerse ouvir. E sobre elas, a canteira das músicas do mañá, falamos en Alfa. Lara Villaverde e Migui Bouzó son dous deses exemplos das novas voces da música e proba viva de que sempre é bo momento para comezar. Tanto, que Lara tiña só oito anos cando atopou, como ela mesma explica, "unha guitarra agochada no faiado".

A maiores, o xornalista e creador de contido Gabri Fuentes recoméndanos neste número da revista unha serie de libros, podcasts e discos para gozar da cultura en lingua galega. Tamén achegamos os eventos máis destacados da semana, os mellores pasatempos para adestrar o cerebro e unha entrevista na contracapa á atleta pontevedresa Antía Chamosa para fechar este número.

Todo isto, e máis, no novo número da revista Xeración Alfa, de balde co xornal Nós Diario esta terza feira, 14 de maio. Non a perdas!