O 'Ribadeo Antigo' de Francisco Lanza volve aos andeis en edición facsímile

Farruco Graña, Daniel García, Eduardo Gutiérrez e Pablo Pérez, na presentación da obra en Ribadeo (A Mariña). [Foto: Nós Diario]
Onte presentouse en Ribadeo a edición facsímilar de Ribadeo Antigo, unha obra seminal do xornalista ribadense Francisco Lanza que pon de novo a disposicións do público este libro ao tempo queserve para recuperar a figura do autor, comprometido cos valores republicanos e galeguistas.

Onte presentouse na Biblioteca Municipal "El Viejo Pancho" de Ribadeo a edición facsimilar do libro Ribadeo Antiguo, de Francisco Lanza Álvarez, xornalista e escritor nacido en Ove, en Ribadeo, emigrado a Bos Aires, e do que a Asociación Cultural Francisco Lanza tomou o nome 20 anos despois do pasamento morte de quen  foi, entre outras moitas cousas, un dos impulsores do Ateneo de Ribadeo en 1915.

A idea de editar unha edición facsímile do Ribadeo Antiguo partiu desta asociación -movida por unha preocupación cultural de defensa dos sinais de identidade da Galiza- despois de decatarse da dificultade que supuña, na actualidade, facerse cun exemplar desta obra.

"En moitas ocasións escoitamos, por parte das librarías ribadenses, que transmitían as peticións das persoas lectoras, a idea de que era necesaria unha reedición desta obra, de que sería moi ben recibida polo público, que segue a sentir curiosidade por este libro", explica Farruco Graña, da Asociación Cultural Francisco Lanza, en conversa con Nós Diario. "A obra xa fora reeditada por Ediciós do Castro en 1973 e logo polo concello de Ribadeo en 1999. Mais pasou moito tempo e, efectivamente, estamos convencidos de que as novas xeracións ou calquera persoa que se estabeleza en Ribadeo ou sinta curiosidade pola súa historia, ten que coñecer Ribadeo Antiguo pola seu especial significado para a historia da vila".

Daquela, a asociación chegou á conclusión de que a forma máis acaída de restaurar a súa lembranza sería a dunha edición facsímile que mantivese a esencia daquela impresión do ano 33, con impresión e maquetación feita nos talleres da imprenta Mercurio, cun traballo tipográfico digno de amosar, e acompañado dos gravados en buxo doutro ribadense ilustre, o pintor Amando Suárez Couto.

"A edicion facsímile é a que nos permite garantir esa fidelidade ao orixinal. Ao contrario que a reedición de Ediciós do Castro -que por outro lado ten o valor dunha capa especificamente realizada para ela por Luís Seoane- non reducimos o tamaño mantendo as dimensións orixinais, o que permite apreciar mellor o traballo de edición e gozar dos gravados de Suárez Couto", apunta Graña.

Para manter a esencia da vella publicación a asociación escolleu unha gama de papel Arena Rough Ivory e encadernou o volume en formato rústico.

Unha obra esencial

A importancia desta obra reside, en palabras de Graña, "na súa natureza pioneira. É a primeira vez na que se sistematiza a historia de Ribadeo dunha maneira estruturada. Pero ademais, o libro de Francisco Lanza está moi ben escrito, en capítulos breves e de lectura moi doada, case como unha novela, de maneira que se pode ler como un relato, de principio a fin, ou telo de man como libro de consulta. En realidade, pode dicirse que con esta obra, Lanza sitúa Ribadeo no mapa. Con independencia doutras achegas posteriores, de persoas expertas e historiadores que poidan matizar ou superar algún dos aspectos que trata, Ribadeo Antiguo, é un referente inescusábel. Eu atreveríame a dicir que un clásico".

 Graña escribe a obra de Lanza como unha mestura de "aventuras, anécdotas e datos", que posibilita que as persoas lectoras "poidan atopar nestas páxinas un referente que lles permita comprender un pouco máis de onde vimos para así podermos reflexionar máis a fondo cara a onde queremos camiñar ".

A mellor edición posíbel

Na presentación de onte, na que interviñeron, ademais do propio Graña, Pablo Pérez Fernández, de Gráficas Lar; Dani García Fernández, da Deputación de Lugo e Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo, quedou patente a vontade de reivindicar a figura de Francisco Lanza, que con obras como Ribadeo Antiguo, Falan os de Ribadeo ou Dos mil nombres gallegos (editado polo Centro Galego de Bos Aires), dedicou unha gran parte da súa obra á engrandecer a dignidade da vila do Eo.

"Ribadeo Antigo, recupera non só a publicación orixinal dos anos 30, senón que tamén nos achega case oito séculos de historia de Ribadeo a través dos ollos do seu autor, Francisco Lanza", declaraba Daniel García Fernández

E Pablo Pérez Fernández facía fincapé na continuidade histórica que marcaba esta reedición con outras que poñen en valor as letras ribadenses. "Desde libros LAR, a editorial que nace en Gráficas LAR, lanzámonos á aventura de reeditar o Ribadeo antiguo, de Francisco Lanza, despois de propoñérnolo a Agrupación Cultural ribadense que leva o seu nome. Esta imprenta viveirense leva máis de 40 anos no mundo das artes gráficas. O seu vínculo coas letras ribadenses, coas da Mariña en xeral, está máis que constatado. Daniel Cortezón ou Suso Peña son dous bos exemplos. Toca agora poñer en valor a figura de Francisco Lanza. Agardamos que con esta reedición se vexa satisfeita a demanda de novos exemplares que as librerías ribadenses notan desde hai anos".

"Foi un pracer gozar de esa revisión polo miúdo da obra de Lanza para lograr a mellor edición posíbel. Creo que ter a posibilidade de ter un exemplar do Ribadeo Antiguo nas nosas bibliotecas é un motivo de celebración para todos os ribadenses e para todas aquelas persoas que sintan amor pola vila ou, mesmo, polo país", remata Farruco Graña. 

 

Unha traxectoria posta ao servizo dos ideais republicanos e galeguistas

Francisco Lanza (1892, Ove, Ribadeo - 1951; Bos Aires foi un xornalista e escritor galego de conviccións republicanas e galeguistas. Cursou os seus estudos en Ribadeo. Colaborou con Celestino Pérez Andrade e Camilo Cancio Quindós en La Voz del Pueblo e en 1912 en El Eco Mercantil. Foi un dos impulsores do Ateneo de Ribadeo en 1915. Fundou en 1919 o semanario local La Comarca (aínda hoxe en circulación), de tendencias liberais e progresistas, no que escribiu, ó parecer en colaboración co seu sogro Celestino Pérez Andrade, numerosos artigos baixo os pseudónimos de El Montañés e Un labrador gallego. Estes artigos eran de tal dureza que Celestino tivo que ausentarse da vila en numerosas ocasións por perigo da súa integridade.

En 1927 comezou a súa relación co Seminario de Estudos Galegos, no que entrou en 1929 co seu traballo Ribadeo bajo el señorío de sus condes, formando parte das seccións de xeografía e de historia. Colaborou na revista Nós e no Boletín da Real Academia Galega, onde publicou diversos traballos históricos e etnográficos sobre Ribadeo. Tamén colaborou en Faro de Vigo e El Sol (Madrid).

En 1931 emigrou a Bos Aires, incorporouse á comisión de prensa de Galicia e traballou en diversos xornais e publicacións até o momento do seu falecemento. Entre outras obras, durante a súa estancia na Arxentina, traballou como tradutor (José Maria Eça de Queirós, Immanuel Kant) para a editorial Sopena Argentina, asinando como F. L. Álvarez.  Á súa morte foi soterrado no cemiterio de La Chacarita.