Máis

Ribeira sobe á Dorna

O Jran Premio Ícaro de Voo sen Motor pon a proba o enxeño das peñas dorneiras. (Foto: Arousa Norte)
Chega a 76ª 'sinjladura' de charabisca e diversión

Hai moitos motivos polos que celebrar un festa na Galiza. Algúns solemnes, outros históricos e, ás veces, algunha que outra chola como é o caso de Ribeira (comarca do Barbanza). A baduada comezou co boticario da vila, Emilio Sanmamede que, en 1948, decidiu dicirse ficticio gañador do sorteo dunha dorna pola Festa do Carme. A brincadeira afortunadamente non rematou en desacordo co verdadeiro gañador mais don Emilio quería continuar co chiste e, xunto cos amigos, montou un festexo para celebrar que non gañara.

Así naceu a festa e a “Real e Ilustre Confraría da Dorna", organizadora actual da celebración. Todo comeza o día 18 co Facho Dorneiro, a luz olímpica dos ribeirenses, que marca o camiño cara a sinjladura número 76. Deseguido, séguelle a decoración dos locais das peñas, que estarán presentábeis para as e os visitantes desde as 18 horas.

Xa ás 23 horas, a macroqueimada organizada por “As lampreas máis preas” con fogos artificiais e actuacións dentro do festival que  teñen de seu: o Rock &Dorna, momento no que cantarán o himno dorneiro. Nos seguintes días a veciñanza dáse cita nas múltiples probas que caracterizan a festa, desde a maratasón adulta (sexta feira) e infantil (terza feira do 23), o certame de cansión de tasca (sábado e domingo) ou o premio de carrilanas (domingo). 

Por último, a celebración da Dorna de Ribeira fechará cun dos eventos máis esperados: o 'Jran Premio Cutre Shark das embarcasións feitas a machada e propulsadas a pan de millo'. Nela, o xurado determinará cal das dornas botadas á praia de Coroso remata a regata sen perder nin a graza nin ir a pique. Co rueiro Top Secret remata a celebración. Xa é hora de volver a terra.