Contracultura

Rosalía Fernández Rial, escritora: "As boas intencións non chegan para abordar as situacións de acoso escolar"

A escritora e docente Rosalía Fernández Rial. (Foto: Antonio Seijas).
Rosalía Fernández Rial (Muxía, 1988) é a autora de 'Fóra de campo', a obra teatral galardoada co VII premio Vidal Bolaño, convocado polo Concello do Porriño, o instituto de secundaria Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia.

—En Fóra de campo aborda as relacións na adolescencia e especialmente a detección precoz do acoso. Por que lle interesaba construír unha obra así?
Pola miña experiencia docente e vital. Sobre todo a raíz das miñas vivencias no centro, e a consecuente reflexión literaria e existencial arredor destas cuestións. Eu penso que, dalgunha maneira, acabas por ver o mundo de maneira distinta, ou máis poliédrica. Ao final pasas moito tempo contaxiada, positivamente, por outra perspectiva da vida. Diría que do que se trata tamén, ademais dunha linguaxe, unha conduta ou uns códigos determinados, é da perspectiva da vida.

Ás veces tendemos a ver a vida desde un punto de vista adultocéntrico. Esta mudanza na perspectiva é unha cousa moi boa que acontece cando traballas con persoas doutras idades, non só coa adolescencia. Enriquece moito a perspectiva e fai que vexas a vida dentro do poliédrica que é e non a través dos prexuízos que creamos como persoas adultas, pensando que só o noso mundo é válido.

Tamén quero recoñecer o traballo que fixo tanto o profesorado como o alumnado do instituto Ribeira do Louro para levar a cabo un acto de entrega moi fermoso, incluíndo unha representación teatral, porque creo que foi unha mostra do bo traballo da comunidade educativa e da conciencia que existe entre a adolescencia, que conta cunha maior educación emocional da que podiamos ter nós. 

—Como percibe a situación actual do acoso?
Creo que hai dous factores. Por unha parte, desgraciadamente é unha realidade que aínda non foi erradicada, e hai veces que parece que prolifera. E non sempre somos quen de detectalo. Con todo, tamén é certo que, desde un punto de vista máis positivo, nunca existiron tantos medios, tanta información e tanta sensibilización sobre este tema. Cada vez temos máis ferramentas e tamén facemos máis educación emocional. Isto é moi importante. Se pensamos nos institutos ou colexios aos que iamos nós cando eramos crianzas, aínda que existira unha vontade real e evidente por parte do profesorado ou da comunidade educativa para atallar esas situacións non existían tantas ferramentas nin tanta formación para tratar estes conflitos desde o punto de vista da mediación e a conciliación. 

Aínda que nos pareza que hai certas cuestións que se poden abordar con boas intencións, non chegan. É necesario estandarizar os protocolos, que haxa un xuíz instrutor que sexa neutral e que non forme parte do profesorado. En definitiva, temos que procurar que a resolución dos conflitos teña sempre un carácter educativo e que prepare as crianzas para a vida. 

—Precisamente a súa obra tamén chama a prestar atención ás redes sociais.
Penso que é un factor transcendente para calquera análise sociolóxica da actualidade. O mundo, tal e como o entendemos, mudou por completo porque as influencias que podía haber ou o control que se podía ter desde certos sectores está absolutamente reformado. A escola ten que preguntarse que papel xoga dentro deste mundo onde algúns influencers non teñen nada que ver cos valores que se intentan inculcar. Moitas veces vemos problemas que non sabemos moi ben a que responden e resulta que están moi influenciados por este factor. Con todo, tampouco podemos esquecer que poden ser algo moi positivo, ao conectarnos con moita xente e crear comunidade.