CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Rosendo: de 'escalde' e trincheira

Catro anos pasaron xa dende o último disco de estudio de Rosendo. Catro anos nos que o de Carabanchel  foi quen de encher as Ventas nun espectacular concerto que foi gravado e posteriormente editado en DVD e CD, facer unha extensa xira e, por supostos, preparar temas para un novo disco que supera con creces o seu anterior, Vergüenza Torera

Non sei cantas veces debín de escoitar este disco antes de comezar a escribir encol del, non por que me resultara difícil facelo, se non porque os 10 temas que o compoñen se pasan tan rápido, que me apetecía saborear eses 35 minutos de rock que nos agasalla o mestre sen pensar en nada máis, que é o que pide o plástico. Como sempre, tratándose de Rosendo, temos garantida unha alta calidade das letras así como unha afiada crítica política e social. Ademais, achamos un disco moi guitarreiro, deses que teñen a marca persoal rosendiana.

 

Do mesmo xeito que ocorre con bandas como AC/DC ou Ramones,  temos o que esperamos. Non hai innovacións no estilo, nin sorpresas experimentais, só o artista facendo o que sabe facer e, ao mesmo tempo, o que queremos que faga. Baixo esa premisa abre o disco Cúrame de Espantos¸ cuxa guitarra acelerada e a súa letra irónica nos retrotrae aos tempos de Jugar al Gua e coa que confirma que aos seus 63 anos segue sendo un cativo para o rock pero co poder que teñen os grandes, como amosan eses ritmo machacón de Que si vengo que si voy,  o tema elixido como primeiro sinxelo e que orixinalmente ía chamarse Despacito, até que Rosendo escoitou a tortura musical do mesmo nome na radio e optou por mudar o nome.  

 

Rosendo basea case toda a temática do disco no inmobilismo social ante unha situación política que cada vez vai peor e maila propia situación política. El mesmo recoñece que cada disco fala da súa situación no momento, que non é algo puntual, senón froito da situación continua. Isto queda reflectido en Que bufonada,  unha moi dura crítica á política actual, rancia, hipócrita e co crucifixo na parede, na que fixeron uns supostos cambios hai 40 anos, pero para seguir igual. Mais a sociedade deixa facer coa súa mansedume sen rebelarse nin tratar de poñerlle fin como deixa claro no verso: “Xa non sentimos dor, xa nada ofende e todo parécenos ben”. E contra o inmobilismo dunha sociedade que traga con todo ataca en Un capullo dentro de un jarrón, cuxa primeira estrofa “Sé paciente dócil e obediente, pasa da xente e dálle pábulo ao dono e señor. É o que convén o fácil e prudente, é a lei da conservación” xa dispara o dardos literarios en baixo un slow rock moi “leñeiro”. 

 

Terciopelo herido baixa as revolucións para crear un tema intimista e melódico que leva a sinatura do seu fillo Rodrigo. O preciosismo melódico non é precisamente o forte de Rosendo, e por iso mesmo deixa sentimentos encontrados a súa escoita. O rock duro volve con El botillo y la pringá, onde se despacha sen medos durante máis de 3 minutos e medio dicindo o que pensa da dereita política, aínda que tamén lanza algún dardo ao resto. Sigue apretando o acelerador en Soy, pura forza roqueira coas harmonías propias do mestre, cuxa letra fala da utopía que soña que é a realidade e o golpe que ao espertar e ver a realidade. Un tema simplemente maxistral. 

 

Entramos na recta final do disco con Maldita flojera, un tema máis lento, pesado e escuro. Algo non moi habitual nas creacións rosendianas e en cuxa letra atopamos o motivo do título do disco e que contrasta bruscamente con A Pesar, onde a ritmo de reggae fai un canto nostálxico botando a vista atrás e mirando a súa historia cos seus erros e acertos para pechar o disco con El túmulo un tema cru e escuro onde, novamente con ritmo lento e pesado, fai unha elexía ao final da vida. Un dos mellores temas do disco.

 

Outra vez máis, Rosendo foi quen de facer un disco extraordinario. A pesar dos 63 anos, soa fresco e actual, coa madurez da experiencia de todos estes anos nos escenarios e coa chama de Leño iluminando o seu corazón de rock and roll.

 

ROSENDO NAS REDES 

WEB: http://www.rosendo.es/

 

LISTAXE DE TEMAS

 

  1. Cúrame De Espantos
  2. Que Si Vengo, Que Si Voy
  3. Un Capullo Dentro De Un Jarrón
  4. ¡Qué Bufonada!
  5. Terciopelo Herido
  6. El Botillo y La Pringá
  7. Soy
  8. Maldita Flojera
  9. A Pesar
  10. El Túmulo