Roures recruta o autor de 'The Wire' para facer unha mini-serie sobre as brigadas internacionais

Jaume Roures, nunha entrevista de Vilaweb.

Relacionado co procés polos aparatos de seguridade do estado, Jaume Roures, un magnate da comunicación próximo á CUP, acaba de recrutrar un dos magos da ficción televisiva, David Simon, para producir unha serie sobre a participación das brigadas internacionais na guerra civil española.

A noticia da alianza entre Jaume Roures e David Simon deuna en primicía esta segunda feira Variety. Non é en absoluto a primeira experiencia de Roures -cofundador de Mediapro- como produtor, no seu haber está desde o Comandante de Oliver Stone (sobre o líder da Revolución cubana Fidel Castro) até varios filmes de Woody Allen. Simon está considerado como un dos máis talentosos escritores da industria. No seu currículo figura unha serie de culto, The Wire, para boa parte da crítica unha cimeira aínda no superada. 

 

De acordo con Variety, Roures e Simon procuran fundos para financiar a serie -cuxo título orixinal sería A Dry Run- quer nos EUA quer en Europa. Os guións estarían xa nun estado avanzado de produción. Levan a asinatura de George PelecanosDennis Lehane, quen traballaron con Simon en The Wire. Son 6 episodios dunha hora de duración e neles relátanse as experiencias de brigadistas norteamericanos integrantes dos batallóns Abraham Lincoln e George Washington, desde o momento en que chegan a territorio español en 1937 -co seu baptismo de sangue na batalla do val do Jarama- até a súa marcha en 1939.

 

Para Simon, o combate das brigadas internacionais "contra o fascismo e contra o mal uso do capitalismo como baluarte do totalitarismo" representa "a narrativa política máis potente do século 20 e aínda tamén do noso tempo". "Cando a República española foi ameazada, o capitalismo escolleu a tiranía. Unha escolla que os mellores homes non puideron aderir, así que viñeron a España a loitar. Hoxe confrontamos tamén esa mesma opción do capitalismo", proclama.

 

Por súa parte, Roures afirma: "A Dry Run é realmente un dos grandes proxectos dos próximos meses. Non só pola historia, senón polo que significa para nós traballar con David Simon, un dos mellores guionistas dos últimos anos".