MÁIS

Os nove relatos por entregas dos que gozaremos ao longo do verán

Beatriz Maceda, Diego Ameixeiras, Ana Cabaleiro, Antón Cortizas, Henrique Rabuñal, María Canosa, Xosé de Cea, María Rei Vilas e Eva Mexuto.
O caderno Máis que acompaña 'Nós Diario' durante o verán xornal publicará en xullo e agosto unha serie de nove relatos por entregas escritos por unha selección de autoras e autores que abalan entre o clásico e o experimental. Unha forma de combinar lectura e lecer para os meses de calor.

Os relatos por entregas poden constituír un recurso para explotar novas fórmulas de divulgación literaria, un modo sinxela de coñecer autorías e, desde logo, unha maneira de entender o mundo que estimula a curiosidade por coñecer o que pode pasar, o que traerá cada nova entrega: a fin de contas, unha forma de conciencia social que pon a expectativa no centro. Ademais, é unha fórmula que responde plenamente á forma de consumir narrativa máis contemporánea:  as series, internet, as redes... funcionan baixo eses mesmos parámetros de comunicación co público.

Así, a partir da vindeira terza feira, 4 de xullo, e durante os meses de xullo e agosto, o caderno de verán Máis de Nós Diario, incluirá, cada semana, un relato por entregas de nove autoras e autores que reflicten formas diversas de entender a escrita e que se internan neste xénero para transmitir os seus universos creativos: Diego Ameixeiras, Beatriz Maceda, Antón Cortizas, Ana Cabaleiro, María Canosa, Henrique Rabuñal, Eva Mejuto, Xosé de Cea e María Rei Vilas. 

Autorías diversas

Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976), o autor que abre a nova sección literaria o vindeiro 4 de xullo, apenas necesita presentación. Escritor e xornalista, publicou libros de tanto éxito como, entre outras, Baixo mínimos (2004); Tres segundos de memoria, Premio Xerais de Novela (2006); Dime algo sucio (2009), Premio Especial da Dirección da Semana Negra de Xixón; Conduce rápido (2014), Premio Losada Diéguez de Creación Literaria 2015, finalista Premio Hammett 2017; ou a eloxiada O cervo e a sombra (2021).

Beatriz Maceda, responsábel do relato da segunda semana (do 11 ao 15 de xullo), é coñecida por obras como o álbum ilustrado Man. O alemán de Camelle (2012), que achegaba a figura de Manfred Gnädinger á mocidade ou Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán (2017), que aproxima a figura de Valle á rapazada.

Tomará o relevo quen xa é un verdadeiro clásico da literatura infantil: Antón Cortizas, escritor multipremiado (premios Barco de Vapor, Merlín ou Manuel María de Literatura Dramática Infantil, entre outros) e cultivador de todos os xéneros: poesía, narrativa, teatro e ensaio.

Unha escritora comprometida co desenvolvemento do mundo rural e cunha mirada que coloca o acento nas cuestións relacionadas co xénero, Ana Cabaleiro -autora de As Ramonas, Premio García Barros 2018, ou Deixádenos remar, finalista do Premio Xerais 2020-, será a autora do relato que se publique do 25 ao 29 de xullo.

María Canosa, unha escritora que tamén se desenvolve en varios xéneros literarios -desde a poesía e o ensaio até a narrativa para persoas adultas e para público infantil- publicará o seu relato na transición de xullo a agosto. 

E un veterano ben coñecido das letras galegas como Henrique Rabuñal será quen ofreza a súa experiencia no relato publicado entre os días 7 e 11 de agosto. Rabuñal é autor de obras de teatro como A Noite da Noites, de narrativa, como Ollos negros, de poesía, como O cristal da sede, e de ensaio literario, como no caso de Murguía: cen anos despois.

Eva Mejuto é a autora de diversas adaptacións de contos tradicionais a álbums ilustrados, que foron traducidos a máis de dez idiomas. A responsábel de A ladroa da biblioteca de Meirás ou Cando leo, ambos de 2022, presentará o seu relato por entregas na semana do 14 ao 18 de agosto. 

Xosé de Cea deuse a coñecer como poeta, mais despois de varios volumes de narrativa infanto-xuvenil, publicou recentemente Coímbra, unha sorprendente novela de iniciación que debulla o drama da emigración galega. Entre o 21 e o 25 de agosto publicará no Máis o seu relato por entregas.

Fecha a serie, entre o 28 de agosto e 1 de setembro, o relato da catedrática de Bioloxía e Xeoloxía María Rei Vilas, quen, coa súa primeira novela, Flores de ferro, un retrato de mulleres loitadoras despois do golpe de Estado de 1936, gañou o Premio San Clemente en 2022.