Fermín Muguruza regresa a Compostela co proxecto “B-Map 1917+100”

fermin muguruza

O músico vasco recala de novo en Galiza, desta volta con The Suicide of Western Culture. 

O vindeiro 13 de maio Fermín Muguruza e The Suicide of Western Culture presentan en Compostela “B-Map 1917+100”. Con este traballo, o emblemático músico vasco e o dúo catalán de electrónica de combate reflexan a realidade de e desde as cidades de Bilbao, Barcelona, Beirut, Bos Aires, Brazzaville, Belfast, Berlín, Bogotá, Belgrado e Baton Rouge. 

 

O disco está composto por nove temas en euskera e un en catalán que mapean o bruído da indignación e a revolución no mundo actual con motivo do centenario da Revolución Rusa. Baixo o nome de dez cidades significativas que comezan pola letra B, “B-Map 1917+100” é un mapa alternativo do noso tempo.

 

O concerto, que conta coa banda galega de hiphop Ezetaerre como grupo convidado, terá lugar ás 20:00 horas na Sala Capitol. A entrada ten un custo de entre 15 e 17 euros e a súa venta está dispoñible a través de Ticketmaster ou ben na billeteira da sala.

 

Será unha nova recalada de Muguruza en Galiza, país onde tocou por primeira vez en 1986 cos Kortatu nunha minixira con La Polla Records. Actuaron en Osebe (perto de Compostela) e Sada. O vasco volvería nestes anos en vaias ocasións, ben cos Negu Gorriak (Compostela, Vigo), ben co proxecto que tiña con Dut (A Illa de Arousa) ou ben en solitario (Compostela, Vigo, Brión, Ourense).