O Salón do Libro Infantil e Xuvenil remata este domingo con diferentes actividades

Homenaxe a Marica Campo e Xosé Cobas, este sábado. (Foto: Salón do Libro Infantil e Xuvenil)
O sábado rendeuse homenaxe á escritora Marica Campo e o ilustrador Xosé Cobas polo seu labor a prol da literatura infantil.

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil chega á súa fin este domingo logo de máis de dúas semanas de actividades destinadas á mocidade.

Este domingo, na sesión de mañá hai varios obradoiros para nenos e nenas maiores de seis anos sobre cinema en stop-motion, videoxogos, pintura mural e ilustracións, así como unha sesión de contos ás 12.30 horas.

Pola tarde, a partir das 17 horas haberá novos obradoiros sobre videoxogos, cinema e cociña, un espectáculo de maxia, e o Salón fechará ás 19 horas co espectáculo de clausura "Senta que hai baile", de Pésdelan, no Auditorio do Pazo.

Homenaxe a Marica Campo e Xosé Cobas

Na sesión deste sábado rendeuse homenaxe á escritora Marica Campo e o ilustrador Xosé Cobas polo seu labor a prol da literatura infantil.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, agradeceulles a súa "entrega, loita e esforzo creativo" no eido da cultura destinada á mocidade.

O artista Su Garrido Pombo puxo música ao acto interpretando Muller, de Fuxan os ventos, inspirado nun poema de Marica Campo; e Vento Morno.

Sole Felloza, que participou da homenaxe, dixo de Campo que é unha autora "comprometida co seu tempo, nacionalista, feminista e solidaria".