O San Froilán acolle un concerto dos Def con Dos como apoio á “liberdade de expresión”

Anunciouno a concelleiraSitio web de Cultura, Maite Ferreiro, que aposta en que o San Froilán continúe a ser “a grande festa do outono galego”.

O barrio madrileño de Tetuán cancelaba recentemente a actuación prevista de Def Con Dos nas súas festas. Unha decisión adoptada polo novo consistorio do PP e que os colectivos veciñais achacaron a presións de Vox e Ciudadanos. A dereita xustificou a decisión de suspender a actuación na condena ao cantante, César Strawberry, por enaltecemento do terrorismo en redes sociais. A suspensión xerou o rexeitamento de asociacións veciñais, sociais e de dereitos civís, que cualificaron a cancelación de censura e ataque á liberdade de expresión.

A concelleira de Cultura de Lugo,a nacionalista Maite Ferreiro, anunciou agora que o grupo galego-madrileño será un dos que estarán no San Froilán este ano “porque as festas de Lugo teñen que ser un espazo para a liberdade de expresión e para a diversidade”. “Convidamos a todas as persoas que non puideron desfrutar deste grupo en Madrid debido ao retroceso das liberdades impulsadas polos gobernos de dereitas”, indicou Maite Ferreiro. e anunciou que existirán descontos en medios de transporte para viaxar dende Madrid ata Lugo.

Tamén anunciou a constitución en breve da comisión especial de festas. Estará formada por 3 membros do grupo socialista, 3 do grupo popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 do Grupo Municipal Ciudadanos. “Xa lles pedimos aos grupos da corporación aportacións de ideas para o programa das festas”, indicou a edil de cultura, Maite Ferreiro, e engadiu, “queremos recibir propostas para que o San Froilán siga sendo a grande festa do outono galego”.

Maite Ferreiro indicou que “escoitaremos as propostas de todas as veciñas e veciños  e dos colectivos de Lugo” para ter unhas festas con variedade de estilos e programación. “Imos facer que estas sexan as festas de todas as lucenses”.