Contracultura

Sandra Lodi: "Nos albumes infantís téndese aos estereotipos anglosaxóns; eu quería personaxes reais"

A autora Sandra Lodi, no seu estudio. (Foto: Nós Diario)
Sandra Lodi (Lugo, 1990) é a autora de 'Papóns', a obra gañadora do IV Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, promovido polo Concello da Estrada en colaboración coa editorial Galaxia.

Papóns aborda a relación coa natureza e o mundo rural, mais tamén coa transmisión cultural e familiar. Por que lle interesaba contar esta historia?
Eu nunca escribira ningún guión propio. Toda a vida fun a que debuxaba ben, polo que a escritura a deixaba para outras persoas que probabelmente o fixeran mellor. Coa motivación do certame bosquexei algunhas historias que me parecían divertidas ou que me parecía que me poderían ter gustado a min cando era pequena. Ao final, das cinco ideas que tiña pensadas, a de Papóns foi a que máis me gustou porque á parte de ser unha historia divertida, tamén ten certos matices ligados ao ecoloxismo e a facer unha reflexión arredor desta problemática.

Eu son filla de urbanitas de sempre, crieime nun piso en Lugo, mais durante as fins de semana íamos ao rural á casa dos avós, a estar cos meus curmáns e demais. Teño lembranzas fantásticas desa época e penso que é un valor que temos que seguir preservando. Por iso tamén quería falar da problemática do abandono do rural. Nos últimos 50 anos, a masa forestal da Galiza multiplicouse, mais en base a especies invasoras e non pola xente que vive no rural e que traballa a terra.

—Ademais da perda do patrimonio ecolóxico, tamén hai unha perda cultural.
Completamente. O valor cultural, as relacións coa xente, un modo de vida que require moito traballo, mais tamén de ir a modo e que para min ten máis calidade... Todo iso está perdéndose. Que a xente viva no rural tamén é a maneira de controlar os incendios e de que a nosa terra estea ben xestionada. Mais temos dereito a ter acceso a determinados servizos, por exemplo de saúde ou mesmo de entretemento.

Actualmente, parece que a vida no rural ten que ser sacrificada e privarte de moitas cousas ás que xa estamos acostumadas. Aínda así, percibo, na xente da miña idade, un movemento cara ao rural precisamente porque, a pesar deses sacrificios, tamén achega outras liberdades. A cidade ten unha sociedade moito máis exixente, tanto a nivel social como de protocolos.

Creo que moita xente se está a dar de conta de que a alimentación que levamos cos produtos de supermercado non ten nada que ver cos alimentos que podían comer os nosos avós ou os nosos pais. E aínda así vexo constantemente como persoas que escaparon do rural teñen certos prexuízos ou estereotipos negativos sobre esta forma de vida. Para min, o feito de pararse e decidir dar este paso atrás cara ao rural paréceme moi positivo porque é un estilo de vida que dá valor e sentido ao teu día a día. Sería unha mágoa perder todo o que temos.

—Un dos aspectos do álbum ilustrado que salientou positivamente o xurado do premio foi a representación dos corpos. Cal era a intención detrás disto?
Quería personaxes reais. Creo que nos albumes infantís hai unha tendencia a utilizar estereotipos de personaxes da tradición anglosaxoa e dos debuxos animados que vemos de crianzas. Por exemplo, a típica figura da avoa estilizada cun moño e unha mantilla. Eu nunca vin unha avoa así. E por iso quería facer unha señora cun corpo grande e forte grazas ao traballo que fai na leira. Coa roupa da neta o mesmo: como imos á aldea? Co chándal, roupa vella e calquera cousa que nos permitira correr e desfrutar. Gústame que se vexa como unha historia real e non basearme en estereotipos que xa están extremadamente manidos.