A ‘Santa’ de Asorei ficará de maneira permanente en Montevideo
A decisión de deixala alá debeuse a que "forma parte do patrimonio dos galegos que están en Uruguai"
A escultura de madeira policromada a 'Santa' de Francisco Asorei, que pertenceu á Casa da Galiza en Montevideo, situarase de forma definitiva no Museo Zorrilla situado na capital uruguaia.
A principios deste ano a Xunta da Galiza adquiriu os bens culturais da Casa da Galiza en Montevideo por un total de 18.190 dólares. Entre as obras, atopábase 'A Santiña' que representa a unha labrega galega espida.
A Casa da Galiza en Montevideo, que foi creada por emigrantes galegos en 1917, fora intervida a finais de outubro de 2021 polo Goberno uruguaio polas débedas e os anos de perdas acumulados, até que finalmente fechou en marzo do pasado 2022.
Esta quinta feira, 29 de xuño, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o ministro de Educación e Cultura de Uruguai, Pablo da Silveira, asinaron, na Cidade da Cultura de Compostela, o protocolo co cal a escultura quede no país americano.
Así, Rodríguez indicou que ese acordo "é un punto e seguido nesa frutífera relación" e que a Santa "é moito máis que unha escultura para a Galiza". "É un símbolo co que os galegos e as galegas nos identificamos", remarcou.
A decisión de deixala alá debeuse a que "forma parte do patrimonio dos galegos que están en Uruguai", polo que "o máis razoable" é que quede nese contexto de inmigración, segundo explicou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
As outras obras do lote
No lote que comprou a Xunta tamén se atopaban outras obras, polo que Lorenzo avanzou que o patrimonio documental integrado por libros de actas "xa se atopa na Galiza" e "está custodiado" no Arquivo da Galiza, na Cidade da Cultura, para a súa dixitalización.
Ademais, nesa compra tamén había instrumentos musicais, bandeiras e outros materiais que "foron distribuídos" entre diferentes centros da comunidade galega.