Santiago Cortegoso gaña a bolsa de escrita do CDG

Santiago Cortegoso. (Foto: Ibuprofeno Teatro)

 A comisión de valoración destaca desta proposta a súa “gran orixinalidade e actualidade ao achegar dilemas sobre a guerra, a fabricación de armas, o ecoloxismo e as relacións familiares”.

O proxecto Santa Bárbara, do autor, director e actor Santiago Cortegoso, é o gañador da Bolsa de Dramaturxia do Centro Dramático Galego, que ten como obxectivo seleccionar unha proposta de destinada a ser coproducida pola compañía pública.

Santa Bárbara é unha proposta sobre a Fábrica de Armas coruñesa do mesmo nome que arrinca no ano do seu peche, en 2017, para contar a historia dun home que traballou na empresa desde os 17 anos até alcanzar un posto de dirección nela. O conflito salta cando a filla, na súa madurez, adquire uns valores políticos e sociais que chocan co que representa o seu pai.  

No seu ditame, a comisión de valoración subliña a “gran orixinalidade e actualidade” de Santa Bárbara ao achegar “dilemas sobre a guerra, a fabricación de armas, o ecoloxismo e as relacións familiares, co noso contexto actual e o diálogo interxeracional como liñas centrais do traballo”. Ao tempo que destaca o “forte compromiso político e social” do proxecto, que invita á reflexión.

O autor

Santiago Cortegoso conta cunha ampla e destacada traxectoria como autor e director escénico, ademais de como actor de teatro, cine e televisión. En 2010 funda xunto a Marián Bañobre a compañía Ibuprofeno Teatro, coa que teñen levado a escena unha decena de espectáculos e obtido diferentes premios e recoñecementos. Como dramaturgo, ten asinado máis de 20 textos teatrais, entre eles Hamster,  0.7% Molotov, Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios, o popular O Furancho, Raclette (Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais), Casa O'Rei, ou Smoke on the Water.

Como gañador da Bolsa de Dramaturxia da Xunta, contará cunha dotación de 6000 euros para a creación dun texto teatral a partir da proposta de Santa Bárbara, para o que dispón dun prazo de seis meses. A partir dese momento, abrirase unha nova convocatoria cara á selección da compañía que levará a escena esta obra en coprodución co CDG.

Os proxectos gañadores das anteriores edicións foron Relato para un incendio, de Ernesto Is, que foi levado a escena xunto á compañía aAntena, e Bailar no ceo, de Ana Abad de Larriva, que deu lugar á coprodución con Xerpo.