A Semana de Filosofía versará sobre a saúde
A XXXIV Semana Galega de Filosofía porá sobre a mesa a problemática silenciada existente nos ámbitos da saúde psicolóxica, biolóxica e social. Profesionais da saúde, catedráticos, filósofos e xornaliastas impartirán os 15 relatorios que terán lugar entre o 17 e o 21 de abril no Teatro Principal de Pontevedra.
A Aula Castelao de Filosofía presentou esta mañá, sexta feira, o cartel e a programación completa da que será a XXXIV edición da Semana Galega de Filosofía, ‘Filosofía e Saúde’. Ana Regueira, da Aula Castelao, explicou a escolla da temática porque “chegamos a un momento no que o problema da sociedade occidental xa non se pode restrinxir a un só ámbito senón que é un problema de saúde en todas as ordes: saúde psicolóxica, saúde biolóxica e saúde social. Dentro dos 3 sentimentos morais dos que falan alguna escolas de filosofía – irritación, indignación e vergoña. Escollemos a temática da saúde porque cremos que as cousas xa chegaron a un nivel de vergoña".
Entre os relatores e relatoras que poderemos escoitar, entre outros, están José Luis Pardo, catedrático da Complutense; Wolfgang Fritz Haug da Universidade Libre de Berlín ou Frigga Haug da Universidade de Hamburgo, socióloga e filósofa alemana que abordará o tema a partir da súa propia experiencia como paciente de cancro de mama. Desde a perspectiva dunha supervivinte, falará tamén da situación das mulleres, das súas alienacións de xénero e as desigualdades con relación ao home nestes casos.
O prazo de matrícula, de balde, está aberto até o 16 de abril.