#Sermos242: 25 de abril, o exilio galego en tempos da Revolución dos Cravos

Máis un número do semanario saído do prelo. Entrevistamos Albter Branco e Emma Pedreira, debullamos os orzamentos do estado para Galiza, preguntámonos por que o Corredor Atlántico non pasa por Galiza nin norte de Portugal mais si por Madrid... todo isto e máis, neste SG 242. Xa na nosa loxa

A Revolución dos Cravos representou un sopro de ar e liberdade para a Galiza ao abrir as portas ao exilio a militantes de organizacións políticas que traballaban na clandestinidade. É o caso de Margarita Ledo e de Elvira Souto, que militaban na UPG, ou de Xan Casabella, que facía o propio na FRAP. Voltamos ao 1974 e ao 1975 da súa man. En ‘Os cravos que abriron as portas a Portugal’.

Sermos Galiza edita un novo libro co que agasallará subscritoras e subscritores e que estará á venda nas librarías. Coordinado por Alberte Blanco, director xeral de Montes na Consellaría do Medio Rural entre 2005 e 2009, representa unha radiografía do monte galego, con perspectivas de futuro e propostas para mudar unha situación que as autoras e autores cualifican de “caótica”. O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional? sairá á rúa o 26 de abril, coincidindo co quinto aniversario do diario dixital (www. sermosgaliza.gal). Neste número, conversamos con Alberte Branco. “Nós apostamos na multifuncionalidade, non só nun monte dedicado á extracción da madeira”.

‘Ourizos mariños, un produto en alza’. Cada vez é máis coñecido tanto na alta cociña como entre as e os particulares, de aí a suba na súa demanda. Aínda que se poden consumir ao natural, os produtos transformados a través do ourizo gozan de máis saída no mercado. A piques de rematar a temporada de extracción, coñecemos que hai detrás desta especie apetitosa para o padal.

Orzamentos

‘Os orzamentos do Estado colocan Feijóo á defensiva’. Ten 41 escanos sobre 75, a única maioría absoluta de todo o Estado, mais está á defensiva. A culpa téñena os orzamentos xerais do Estado para este 2017. Feijóo non sabe ben como defendelos e, premido pola oposición, recorre a un subterfuxio de incerto percorrido, unha comisión de seguimento.

No 39 Congreso Federal do PSOE -a realizar os días 17 e 18 de xuño, coa votación das primarias o 21 de maio- o que está en xogo non é tanto quen vai liderar o partido, senón o rol que vai xogar o PSOE no taboleiro xurdido da crise do bipartidismo. ‘Quo vadis PSOE?’

 O presidente norteamericano aposta no belicismo para tentar salvagardar a discutida hexemonía imperial norteamericana, aumentando o risco dun conflito armado a grande escala. ‘Trump exhibe as gadoupas’.

O doutor en Ciencias Sociais e profesor de Economía Política Julio C. Gambina debulla a situación socioeconómica da Arxentina e os efectos das políticas do goberno neoliberal de Mauricio Macri, nun contexto marcado por unha intensificación do protesto e mobilización popular. ‘Arxentina: prezos á alza, salarios á baixa, protestos e represión’.

Corredor

‘Corredor Atlántico, capital Madrid’. O Corredor Atlántico parte de Alxeciras con destino Francia, para conectar con toda a potente e imprescindíbel rede transeuropea de transporte de mercancías, que leva até o norte do continente. Pasa polo centro de Portugal para se desviar cara á meseta castelá e desde alí (con ramal a Madrid) tirar cara a Burgos e Euskadi e pasar entón os Pirineos. Galiza fica totalmente á marxe dun nodo fulcral no deseño europeo do transporte de mercadorías. Por que? A responsabilidade hai que procurala máis en Madrid que en Bruxelas. En análise achegámonos até os sectores máis febles golpeados pola crise.

Non falta o ‘Fóra de Serie’, con achegas, propostas, consellos e ideas. Nin a selfie-entrevista, desta volta a Guadi Galego.

Na sección de Memoria coñecemos a Carmen e Anuncia, mulleres resistentes en Eirexalba. A Casa do Inverno, en Eirexalba (O Incio), é o lugar onde se desenvolve a historia destas dúas mulleres valentes que loitaron pola liberdade, a democracia e os dereitos de Galiza. Mª Xesús López Escudeiro recupera a vida desta familia grazas á información fornecida por Isabel Mao Casas.

O colectivo Xea guíanos polo Arenteiro nunha viaxe para gozar de todos os sentidos.

“A estética pola estética non me interesa”

Conversamos con Emma Pedreira (A Coruña, 1978), que vén de engrosar a extensa nómina de recoñecementos no seu haber co premio internacional Jovellanos ao mellor poema do mundo por Lista da compra da viúva e publicou recentemente Bibliópatas e fobólogos (Galaxia). Autora de narrativa e poesía, apela á “potencia da palabra” para a ateigar de significado, de compromiso e loita. Nesta conversa, considérase unha poeta social e cuestiona a estética pola estética, “se a poesía non ten compromiso, non vale para nada”.

‘O primeiro reino medieval en Occidente’. Pouco sabemos deles, pero unha exposición da Deputación de Ourense promete poñer algo de luz neste misterioso período no que a Gallaecia se converteu no primeiro reino medieval de Occidente logo da chegada deste pobo xermánico

E, máis un número, a escrita dos colaboradores. Luz Darriba, Mercedes Queixas, Xoán Costa, os deseños de Nachortas e Tokio, a crítica literaria de Mario Regueira e a de cinema de Andrés Castro. Manuel Xestoso cóntanos que “nunca foron tantas as voces que loitan por expresar en termos teatrais” as inquedanzas do país. Pepe Barro fálanos do ‘irregular como paradigma’ e Noelia Gómez adéntranos nas ‘Once portas’ de H. Cajaraville.