#sermos243: Primeiro de Maio, día de reivindicacións

Entrevistamos César Mosquera e Clara Pino, lembramos Mariví Villaverde, falamos da longa sombra de Villar Mir, ofrecemos o cara a cara sobre cambio de fuso horario entre Jorge Mira e Lito Prado. Todo isto, e máis, neste semanario, xa na nosa loxa.

 

‘Cinco anos ao servizo dos intereses galegos’. Encetamos co número 243 de Sermos Galiza o período de celebración do quinto aniversario, que se prolongará até finais de xuño, mes en que sairá á luz un suplemento especial do semanario. Aliás, durante as próximas dez semanas publicaremos unha nova sección que consiste en debates sobre asuntos de actualidade.

Xuntamos nunha mesa Lito Prado e Jorge Mira, as dúas caras máis visíbeis que defenden as dúas opcións a respeito do fuso horario: mantelo tal cal é a aposta do profesor da USC Jorge Mira e cambialo na Galiza por razóns de aforro enerxético é a proposta de Lito Prado, educador e ecoloxista. Con este debate iniciamos o 5x2, unha sección creada para conmemorarmos o V Aniversario do Sermos Galiza en papel e que, durante dez semanas, nos levará a coñecer distintas opinións sobre asuntos de interese.

‘O acoso escolar: avestruces e formigas’. A portavoz e responsábel da comisión de convivencia da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais deAlumnado de Vigo eComarca (FOANPAS) defende combater o acoso escolar coa incorporación da figura da educadora ou educador social, co fin de camiñar cara a unha educación sa e activa, e coa conciliación, entre outras medidas.

Entrevistamos César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra (BNG). Un político en estado puro e, por tanto, é un home de acción. Se falas con el percebes con clareza que aúnica política que lle interesa é aquela que transforma a realidade.Demostrar que “desde a Galiza somos quen de estar na vangarda”e defender a equidade na xestión dos recursos públicos -nas antípodas da concepción caciquil do PP- son as súas palabras de orde

Partamos de que os oligarcas non son un patrimonio da Rusia de Putin. Digamos a seguir que un exemplo claro de oligarca é Juan Miguel Villar Mir. A súa imputación no caso Pokemon -mais o arresto do seu xenro Javier López Madrid- complican moito a Feijóo a Operación Ferroatlántica. ‘A longa sombra de Villar Mir’.

Internacional

‘OEA, o brazo do imperio’. O crecente intervencionismo da Organización de Estados Americanos (OEA), exemplificado na ofensiva contra o goberno constitucional de Venezuela, responde aos intereses de Washington e da oligarquía continental para forzar un cambio de ciclo que poña fin aos gobernos progresistas.

‘Francia e a vella trampa do mal menor’. Os resultados da primeira volta das eleccións presidenciais en Francia axustáronse ao prognosticado nas enquisas. Emmanuel Macron e Marine Le Pen volverán medirse nas urnas o 7 de maio. O Partido Socialista recolle o seu peor resultado desde a década dos 60 e, pola contra, o candidato da esquerda alternativa, Jean-Luc Mélenchon, obtivo 7 millóns de votos. Todos os inquéritos apuntan a que Macron será o sucesor de François Hollande.

A caída do fascismo, que se despedira cunha vaga de forte represión, abriu novos horizontes. O 25 de abril agromou unha revolución ansiada e, ao tempo, inesperada. A súa reivindicación no presente visa o alcance daquel proceso que inscribiu o socialismo como horizonte na Constitución. ‘Abril, o pasado que é futuro’.

Após anos de políticas e medidas contra a clase traballadora coa escusa da crise, o 1 de Maio preséntase na Galiza como máis un paso para reverter a situación. “Para que nos devolvan o roubado”, reza a letra da Internacional. Paro, emigración, precariedade, temporalidade... son realidades que habitan na Galiza de 2017 e que neste 1 de Maio volven ser denunciadas. No marco da reportaxe falamos con Paulo Carril, secretario de Organización da CIG, que mantén que “sobran razóns para saír á rúa”. Na sección de Análise trátase a responsabilidade social empresarial na igualdade de xénero.

Non falta a sección Fóra de Serie, coas súas ideas, achegas e propostas. No selfie-entrevista falamos con Belem Tajes, cantante de Luar na Lubre. Pilar Sampedro fálanos de ‘Ses e as cancións do traballo’. A raíz da escolla da cantereira para ‘Temos unha peza’ do Museo do Pobo Galego. O colectivo Xea lévanos de visita ao Campo Formoso, no val de Ortigal, para amosarnos a primavera espectacular dos Ancares.

Entrevistamos Clara Pino, cantante e arpista que vén de estrear novo proxecto con Pablo Vidal, Nowhere, un disco que demostra a versatilidade da arpa e mestura música con literatura. Esta profesora de ensino secundario define a súa como “música de autor e íntima”. “Non vai encamiñada ao fenómeno fan”, advírteno.

O día 23 de abril, con 95 anos, a vida de Mariví Villaverde chegaba ao seu fin. Pasaran cincuenta e cinco anos desde que escribira o seu libro biográfico Tres tempos e unha esperanza, publicado cando aínda non chegara á metade da súa traxectoria vital. Mais este dato, aínda que poida parecer extraordinario, respondía á folla de ruta que marcara desde a súa mocidade e que era resultado dunha urxencia vital: recuperar a memoria borrada polo franquismo. Lémbrao Carme Vidal en ‘Adeus a Mariví Villaverde, a muller dos tres exilios’.

E non faltan as colaboracións e achegas. Marilar Aleixandre, Xoán Costa, Guillerme Vázquez, Nachortas e Tokio, Xulio Carballo, Mario Regueira, Andrés Castro, Olalla Ledo, Mónica Pazo Iolanda Gomis.