#sermos247: Diagnose da rede fluvial de Galiza

Máis un semanario na rúa. Entrevistamos Suso Seixo, que deixa a secretaria xeral da CIG após 16 anos nesta responsabilidade, Yolanda Díaz, no fin do seu mandato como coordenadora de EU, e Francesco Tonucci. Pilar García Negro e María Xosé Queizán debaten sobre se traer ou non a Galiza a ‘Derradeira lección do mestre’. Todo isto, e máis, nun número que xa podes ler na nosa loxa.

 

Galiza xa non é ese país dos mil ríos que con tanta paixón describira Otero Pedrayo a mediados do século pasado. A progresiva humanización de amplas áreas do país e o descontrol sobre os vertidos domésticos e industriais que trouxo consigo transformaron ao longo dos últimos anos a imaxe idílica da paisaxe fluvial galega. Adentrámonos neste tema en ‘Ríos, un deterioro reversíbel?’.

Entrevistamos Francesco Tonucci, pedagogo e investigador italiano, defende o modelo de cidade de Pontevedra por facer as crianzas, e tamén as persoas adultas, protagonistas. “Cando nenas e nenos están na rúa, estas fanse seguras”.

 ‘A biosfera Gerês-Xurés, centro da especulación enerxética’. Fins Eirexas, de Adega, analiza as consecuencias da nova concesión de 360 megavatios da que se beneficia Gas Natural Fenosa na reserva da biosfera GerêsXurés.

“Non imos ir ao plenario de xullo a cuestinar a Villares”

Yolanda Díaz protagoniza outra das entrevistas deste número do semanario. Díaz falando é un torrente. Fala con todo, tamén coas mans. E non é das persoas que che esquiva o ollar. Falamos na redacción de Sermos e damos repaso á trepidante actualidade política. Nótase ben que detrás da súa praxe hai toneladas de teoría. Yolanda Díaz deixa de ser a coordenadora de Esquerda Unida na asemblea desta formación política, a realizar o 3 de xuño, mais non está en absoluto de retirada. E móstrase conciliadora con Luís Villares. “Non imos ir ao plenario de xullo a cuestionar a Villares”.

‘O triunfo de Sánchez achanza o camiño a Pilar Cancela’. O susanismo é puramente residual na Galiza. O triunfo de Sánchez foi incontestábel, ultrapasando todas as expectativas. A xestora sae reforzada.

Internacional

O movemento República en Marcha! podería atinxir a maioría absoluta na Asemblea Nacional. O novo goberno, en que se incorporan perfís do PS e dos Republicanos, será o brazo executor do proxecto presidencial de Macron. A nivel internacional o Elíseo aposta en profundar a integración europea e en recuperar papel a nivel mundial como potencia dentro da OTAN. ‘Macron pon en marcha o novo bonapartismo republicano’.

‘Tsipras impón máis recortes para volver resgatar a débeda’. O goberno heleno (de coligazón entre Syriza e Anel) aprobou novos retallamentos que inclúen a redución de salarios e pensións, unha reforma fiscal regresiva, a liberalización do despedimento e novos procesos de privatización. A oposición popular a estas medidas expresouse nunha nova xornada de folga xeral. Os recortes impostos polo executivo de Alexis Tsipras non lograron polo momento desbloquear os 7 mil millóns de axudas que demandan da Troika.

“Na situación actual non vale calquera tipo de sindicalismo”

Suso Seixo (Curtis, 1952) estivo á fronte da Confederación Internacional Galega 16 anos, un período no que se deron importantes cambios non só no sindicato, tamén no país e na clase traballadora. Chama a manter o pulso da realidade e dos novos retos e salienta que a CIG está a piques de ser a primeira central en representación na Galiza (“xa o somos en afiliación e capacidade de mobilización”) sen para iso renunciar nin aos principios nin ao seu modelo de práctica sindical. “Isto é unha obra colectiva”, insiste. Construída a pesar dos “poderes fácticos” existentes no país e “aos que non lles somos gratos”. En Análise debullamos a cadea láctea de Galiza perante o novo contexto.

Non falta neste semanario o Fóra de Serie, coas súas achegas, suxerencias e propostas. No selfie-entrevista falamos con Ana Cabaleiro, o distrito Xermar lévanos polos ‘selfies’, da man de Tareixa Navaza viaxamos pola Galiza da olaría e do viño. Co Colectivo Xea imos pola lagoa de Sobrado, que acolle unha rica representación da flora e a fauna dos lugares húmidos.

‘A derradeira leición do mestre’

O Guernica galego, A derradeira leición do mestre, o impresionante óleo de dous metros de altura co que Castelao homenaxeou o seu amigo Alexandre Bóveda, está nas dependencias do Centro Galicia de Bos Aires. Xuntamos a María Xosé Porteiro (delegada da Xunta na Arxentina durante o bipartito) e a María Pilar García Negro (profesora da UDC e especialista na vida e obra de Castelao) para discutir sobre o destino ideal desta obra.

A Galicia de Maeloc é o primeiro disco de Milladoiro. Combinábanse por vez primeira nun álbum, falamos de 1980, gaita galega e irlandesa, zanfona, arpa, frauta... Mais lonxe de ser o nome dun disco ou dunha sidra, Mailoc, ou Maeloc, foi o bispo do pobo bretón que se asentou no século V na Galiza. Cóntannos máis os historiadores Anselmo López Carreira e André Pena Graña en ‘A Galiza de Mailoc, máis que un disco’.

E a achega das colaboracións de Xoán Costa, Marilar Aleixandre, Guillerme Vázquez, Nachortas e Tokio, Mario Regueira, Andrés Castro, Iolanda Gomis, Beatriz Gómez... Todo isto, e máis, xa neste semanario, o número 247.