Crítica de cinema das sextas feiras

Spiderman: Homecoming

Peter Parker/Spider-Man regresa con tía May tras a súa experiencia iniciática cos Vingadores. A idea é pasar desapercibido tratando de levar unha vida normal pero a aparición do malvado Voitre fará que iso sexa imposíbel.

Enésimo relanzamento de Spider-Man e volta empezar. Novo actor, novo traxe, nova moza e un novo supervilán (o Voitre) cunha presentación do máis insulso que se viu en cinema de súper heroes mais... agarda un intre... non é o de sempre! Hei ho! Let’s Go! Para empezar non contan outra vez (menos mal) como se converteu Peter Parker en Spider-man, nin tampouco como perdeu o seu tío, nin como deseña o traxe tras varios bosquexos falidos nun vello caderno, non... todo iso presuponse e nárrase a través de pequenos detalles e da propia acción. Bravo.

 

E se a presentación do Voitre é pésima, a de Spider-Man é dunha creatividade para enmarcar. Excelente. A acción sitúase oito anos despois do acontecido en Nova Iorque cos Vingadores (do cal Tony Stark/Iron Man non se quere lembrar) e xusto a continuación do (I don´t need your) Civil War do Capitán América na que xa aparecía brevemente Spider-Man (de feito era o mellor do filme) tomando parte no equipo Stark, é dicir, a maneira habitual que ten a Marvel de presentar un súper heroe antes de sacar o spin-off dentro do seu nutrido Multiverso.

 

Tras isto unha montaña rusa de entretemento que da bastante máis do agardado. De feito non daba un peso por “outro” Spider-Man que por riba tiña uns cartaces promocionais que semellaban feitos con Paint (D.E.P.) e un trailer que deixaba moito que desexar, pero levei unha grata sorpresa, un amplo sorriso ao acabar.

 

O traxe do trepamuros acáelle coma unha luva a un Tom Holland divertido, falangueiro e cun par de escenas dramáticas onde demostrar todo o seu talento interpretativo. Transmite xovialidade, certo frikismo e un humor branco, pero intelixente, que gustará tanto a crianzas, como adolescentes, o seu verdadeiro público obxectivo. Non é casualidade que Zendaya, actriz estrela de Disney Channel, apareza no filme nun rol, por certo, nada Disney. Queden tamén co particular saúdo que fan Peter Parker e o seu mellor, e único, amigo Ned (Jacob Batalon). Feito a propósito para  ser imitado polos máis pequenos, e non tan pequenos...

 

Cousas da vida, o malvado da función está interpretado por un Michael Keaton que, tras estar a piques de gañar un Óscar a Mellor Actor por Birdman no 2015, absoluta obra mestra de Alejandro González Iñárritu que tiña moito de crítica directa ao cinema de súper heroes, agora interpreta a Voitre, un dos máis míticos súper viláns alados que tivo Spider-Man nos cómics. Semella que tal decisión non tivo nada que ver con esta contraditoria curiosidade, así que non esperedes rastro de homenaxe, referencia ou chiscadela ao respecto no filme. Mellor así, crédeme.

 

Tony Stark (Robert Downey Jr.) anda estirado coma se tivera unha vara no cu pero, por fin, volve ser ese Tony Stark que coñecíamos... cínico, retranqueiro e mullereiro, tan abraiado pola exuberante tía May (Marisa Tomei) como namorado de Pepper (Gwyneth Paltrow), non esa sombra de si mesmo na que se convertera en Capitán América: Civil War.

 

Moitos criticarán certas licencias que se toman respecto ao cómic (como o de que perde o sentido arácnido) e pode que Liz (Laura Harrier), a moza da que se namora o Home Araña, non teña o empaque que tiña Mary Jane mais é innegábel que fixeron un grande esforzo por recuperar un Spider-Man que andaba ferido de morte. Spider-Man: Homecoming non só fai esquecer definitivamente o Spider-Man de Andrew Garfield (tampouco era moi difícil) senón que, sen superar, acada un nivel semellante ao de Sam Raimi e Tobey Maguire, aínda que xogue noutra liga...

 

Este novo Spider-Man xoga na segunda división pero é o rei no seu feudo. Tanto pelexa con súper viláns de saldo, como salva gatiños, axuda vellas a cruzar a rúa ou frustra atracos a supermercados... Un amigábel veciño... Un súper heroe do proletariado. 

Spiderman: Homecoming

(EUA 2017, 133 min.)

Dirección: John Watts

Guión: John F. Daley, Christopher Ford, Jonathan Goldstein, Chirs McKenna, Erik Sommers, John Watts

Fotografía: Salvatore Totino

Música: Michael Giacchino

Elenco: Tom Holland, Michael Keaton, Robert Downey Jr., Marisa Tomei, Zendaya, Jacob Batalon, Jon Fravreau, Donald Glover, Gwyneth Paltrow, Jennifer Connelly, Chris Evans