CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Spy'

 

ESPÍAS
Spy
(Estados Unidos 2015, 120 min.)
Dirección e Guión: Paul Feig
Fotografía: Robert D. Yeoman
Música: Theodore Shapiro
Elenco: Melissa McCarthy, Jason Statham, Rose Byrne, Jude Law, Miranda Hart, Peter Serafinowicz, Bobby Cannavale, Allison Janney, Nargis Fakhri, Morena Baccarin

SINOPSE
Susan Cooper (Melissa McCarthy) é unha modesta axente de apoio técnico da CIA a cargo do axente de campo Bradley Fine (Jude Law). Cando este é abatido, Rick Ford (Jason Statham) quere substituílo pero a misión require ir de incógnito. Susan ve entón a grande oportunidade de entrar en acción e deixar o despacho, así que se ofrece voluntaria para infiltrarse na perigosa misión. 

CRÍTICA 
Terceira colaboración entre Melissa McCarthy e Paul Feig tras A voda da miña mellor amiga e Corpos especiais, e moi pronto unha cuarta coa nova entrega de Cazafantasmas. Feig escribe e produce tamén esta comedia, que non sátira, arredor do mundo da espionaxe con evidentes homenaxes a 007, xa desde os títulos de crédito iniciais, cun deixe a inspector Clouseau en clave feminina para maior gloria de McCarthy. Mestura grandes doses de acción e escenas de persecución, rodadas con todo luxo de detalles, dobres e efectos especiais, xunto con momentos de slapstick ao mais puro estilo Jackie Chan pasado pola peneira da “Salchicha Peleona”. 

"É unha comedia, que non sátira, arredor da espionaxe"

E se a alguén lle coincidiu ver o tráiler de Espías non lle vai defraudar a recua de chistes de “gordos” -creo que se fan todos- que Melissa McCarthy vai ter aguantar estoicamente de principio a fin. Pero tamén, como é de esperar, demostrará que as aparencias enganan e baixo esa bochuda axente con pinta de mosquiña morta e falsas identidades, a cada cal máis hilarante, hai unha perigosa e resolutiva axente capaz de resolver calquera conflito da maneira máis expeditiva e violenta que se poida imaxinar.

Xunto a ela outros dous súper axentes: Jude Law no máis puro estilo James Bond, e Jason Statham en plan Transporter lingoreteiro e algo torpe. Xeniais ambos na faceta de autoparodia. Os malos van a cargo da australiana Rose Byrne (Doulles un ano) e do italo-americano Bobby Cannavale (Blue Jasmine); e o “alivio cómico” ven da man do saído Peter Sarafinowicz (Zombies Party) e da altísima Miranda Hart (que ten serie propia co seu nome de pía na BBC). 

Deseguro repetirán en caso de que haxa próximas secuelas... Bótanse un par de gargalladas ben botadas cun par de brincadeiras pero, en xeral, Espías faise só simpática. Simpática sempre que se poña o “modo automático” e non se esixa demasiado á trama, claro... Porque, baixo a miña humilde opinión, semella algo excesivo que dure dúas horas de reloxo para seren unha comedia de acción con poucas pretensións. Sobra algún que outro diálogo pouco pulido e alongado de máis pero é certo que se acaba perdoando grazas á vis cómica de Melissa McCarthy e os seus graciosos camaradas. Ao fin e ao cabo non deixa de ser unha comedia de verán de usar e tirar así que tampouco se lle pode pedir moito máis. Ah, tamén ten sorpresiña ao remate dos títulos de crédito... inda que se non se agarda para velo, tampouco pasa nada.