Crítica de cinema

Star Wars VIII: Os últimos Jedi

starwars1

A Primeira Orde ten acurralada á Resistencia. A Xeneral Leia Organa lidera unha complicada evacuación a vida ou morte. Entrementres Rey tratará de ser adestrada nos camiños da Forza por Luke Skywalker, mais o malvado Snoke, e o seu aprendiz Kylo Ren, agardan para atraela ao Lado Escuro.

Ademais de deixar milleiros de dólares na billeteira, a última achega de Star Wars ven xerando tamén milleiros de comentarios virtuais, tanto a prol como en contra. A conclusión podería ser perfectamente que: ou gusta (moito) ou non gusta (nada); ou estás do lado da Forza ou do Lado Escuro; entusiastas contra haters. Non se admiten equidistancias nin medias tintas... ou si? Intentaremos analizar os porqués desta polarización de criterios sen soltar moitos spoilers.

 

Rian Johnson (Looper) foi o encargado de continuar a segunda parte desta nova triloxía que sucumbiu ao todopoderoso imperio Disney. A súa predecesora (O espertar da Forza), malia que era cuspidiña ao episodio IV (Unha nova esperanza), deixou o listón bastante alto. A maioría de fans devecía por recuperar o halo dos episodios primixenios, e J.J. Abrams non defraudou, deu o que se lle pedía, para o cal tivo que prescindir da súa manía de poñer escintileos de luces azuis cada dous por tres.

 

O episodio VIII (Os últimos Jedi) continúa xusto despois daquela: Rey ante Luke Skywalker tratando que a adestre nos camiños da Forza. Seméllase ao episodio V (O imperio contraataca)? Pois se nos poñemos tiquismiquis... tamén parécese un pouco: en lugar de Yoda está Luke, os Rebeldes tamén foxen dun planeta ante o ataque Imperial, descóbrese quen son os pais de Rey... e todo así. Pero tamén haille que recoñecer a Johnson que sabe darlle a volta o xusto, e necesario, como para que todo semelle máis orixinal do que realmente é.

 

Do Lado Escuro veremos por fin o malo que pode chegar ser o líder Snoke (Andy Serkis). O toque de humor aportado ao rol do xeneral Hux (Domhnall Gleeson) dálle un punto moi interesante. E a ambigüidade na evolución de Kylo Ren (Adam Driver) é para dar de comer aparte: tira definitivamente por terra todas as dúbidas que había sobre esta personaxe. Un perfil psicolóxico que dará ríos de tinta.

 

No Lado Luminoso saberemos o que lle pasou a Luke Skywalker (Mark Hamill) en todos estes anos. Percorreremos con Rey (Daisy Ridley) o camiño da heroína desde o punto de vista máis clásico. Pola súa banda o de Leia (Carrie Fisher) é para aplaudir cada vez que sae pois a súa presenza queda moi lonxe da simple homenaxe que se agardaba. Por certo, moi ben tamén todas as decisións tomadas sobre o seu rol, incluso a, xa chamada, “escena de Leia Poppins”.

Non hai moita queixa no resto de personaxes salvo nun par de casos que, curiosamente, van tapados por máscaras ou son personaxes creados dixitalmente por captura de movemento. A Cheewacca pásalle algo. Non se move igual. No fondo da un pouco igual porque tampouco é que lle dean moito tempo en pantalla, pero a cousa queda marcada no subconsciente. Mirando a posteriori descubro que non é Peter Mayhew quen está baixo o traxe peludo (o estivera ata esta), senón un tal Joonas Suotamo que resulta que xa fixera de dobre de Cheewie no episodio VII. Non é que Suotamo o faga mal pero toda a vida cos mesmos movementos de Cheewacca/Peter Mayhew provocan que calquera cousa distinta pareza rara. Chamádeme friki se queredes... Outra das cousas que renxen un pouco é a aparición de Maz (Lupita Nyong’o). Está moi metida con calzador, como se llo deberan ou algo. E todo para levarnos a unha subtrama que sobra bastante. O bo é que nesta subtrama se descobre unha personaxe (interpretada por Benicio del Toro) que vai dar moito xogo de aquí en adiante... Tamén é unha marabilla volver ver novamente a maxia de Frank Oz coas marionetas en lugar de tirar de tanto CGI.

 

As brincadeiras están ben dosificadas. Algunhas funcionan mellor que outras pero en xeral non cargan nin son (demasiado) infantís. Hai multitude de chiscadelas cinéfilas (Casablanca, A ponte sobre o Río Kwai ou Teléfono Vermello, voamos cara Moscova?) que aportan valor engadido e tamén un intento por crear secuencias innovadoras achegando as batallas ao cinema bélico, malia que, todo hai que dicilo, “no espazo as bombas non deberían caer”... Un fallo descomunal que se compensa, con creces, pola cantidade de espectáculo, sorprendentes xiros de guión, intriga, frases míticas e desenrolo de personaxes que aderezan o guión de Rian Johnson. Vamos, que eu paseino pipa...

 

Resumindo, Os últimos Jedi ten os seus pros e os seus contras, mais é un excelente capítulo de Star Wars que o deixa nunha posición privilexiada dentro de toda a saga. Outro tema xa sería se o camiño proposto por Disney é o acertado... Por moito que nos laiemos para eles fixo que si. Se seguen nesta liña van quedar podres de cartos ata o infinito. Están a crear, e moi sabiamente, toda unha nova xeración de fanáticas e fanáticos da mitoloxía Star Wars e, por suposto, non van desaproveitar ningunha oportunidade de facer caixa co merchandising. Nestas datas o regalo estrela van ser unhas criaturiñas adorábeis chamadas porgs, unha mestura de pingüín, furbi e gato de Shrek. Aínda non tes a túa?

 

Star Wars VIII: The Last Jedi

(EUA 2017, 152 min.)

Dirección e guión: Rian Johnson

Fotografía: Steve Yedlin

Música: John Williams

Elenco: Daisy Ridley, John Boyega, Adam Driver, Óscar Isaac, Mark Hamill, Carrie Fisher, Domhnall Gleeson, Laura Dern, Kelly Marie Tran, Andy Serkis, Anthony Daniels, Joonas Suotamo, Frank Oz, Gwendoline Christie, Lupita Nyong’o, Jimmy Vee