CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Steve 'n' Seagulls: Brothers in Farm

No ano 2014, os fineses Steve ‘n’ Seagulls convertíanse nun fenómeno viral da Internet coa súa versión bluegrass do Thunderstruck de AC/DC. A día de hoxe, o vídeo leva máis de 30 millóns de reproducións e a banda vén de publicar o seu segundo traballo, Brothers in Farm, no que continúan coa súa receita de facer versións country e bluegrass de clásicos do rock e o metal.

Das moitas bandas de versións que hai polo mundo adiante, poucas delas conseguen aportar algo que as faga destacar e chegar ao gran público e Steve ‘n’ Seagulls é unha delas. Unha das cousas fundamentais que aporta esta banda é que espreme ao máximo as melodías e harmonías que moitas veces parecen ficar nun segundo plano e debaixo da muralla de son da produción.  Nos temas do disco, podemos notar como miman cada tema, cada instrumento, cada coro engadindo un valor preciosista capaz de achegar bandas como Iron Maiden, Metallica ou Megadeth a xente que doutro xeito nunca pensarían en escoitalos. 

Se ben é certo que agora que Lullaby Babe Trío acaban de editar un disco de cancións de berce con versións de Iron Maiden chamado Lullaby Renditions Of Iron Maiden,  que levamos unha época na que todos os grandes do rock queren tocar cunha orquestra sinfónica e na que as bandas tributo xorden coma cerrotas, unha banda como  Steve ‘n’ Seagulls  descoloca e xera dúbidas ao principio, mais con este segundo traballo, a banda demostra que é un proxecto sólido e serio.  

Na selección de temas para este traballo encontramos temas das diversas épocas e estilos do rock como Aces High, de Iron Maiden, co que abren o disco, You Could Be Mine e November Rain de Guns and Roses, o clásico  Born To Be Wild de Steppenwolf,  algo de grunge con The Pretender dos Foo Fighters, unha pasada polo trash metal da man do Sad but True de Metallica, unha viaxe aos 70 co Burn de Deep Purle ou unha parada polo metal sinfónico da man de Nightwish  con Wishmaster. Por suposto que non falta unha versión da banda que lles deu a fama, AC/DC, dos que elixiron It’s a long time to the top (If you wanna rock and roll).

A sorpresa do disco é Fill Up The Tank, unha composición propia da banda. É un tema cuns coros e unhas harmonías que poden recordar as de Queen e ao rock de principios dos 80. A banda aquí demostra que saben algo máis que facer versións e mesmo poden estar abrindo a porta á creación de temas novos nun futuro.

Atopamos un disco cun tema orixinal e trece fermosas  versións de clásicos hard rock levado ao terreo do country e o bluegrass das que tes que escoitar enteiro cando menos unha vez, porque non che deixa indiferente. 

Steve'N'Seagulls nas redes 

Web: http://stevenseagulls.com
Facebook: http://fb.com/Stevenseagulls
Twitter: @SeagullsBand

 

LISTAXE DE TEMAS

Aces High (Iron Maiden)

Sad But True (Metallica)

Wishmaster (Nightwish)

It’s A Long Way To The Top (AC/DC)

You Could Be Mine (Guns N’ Roses)

November Rain (Guns N’ Roses)

In Bloom (Nirvana)

Symphony Of Destruction (Megadeth)

Fill Up The Tank 

Burn (Deep Purple)

The Pretender (Foo Fighters)

Self Esteem (The Offspring)

Out In The Fields (Gary Moore/Phil Lynott)

Born To Be Wild (Steppenwolf)