CRÍTICA DE CINEMA

Suicide Squad

Trama nula, frases metidas con calzador, efectos dixitais de videoxogo e humor que só funciona no trailer. 

ESCUADRÓN SUICIDA
Suicide Squad
(EUA 2016, 140 min.)
Dirección e guión: David Ayer
Fotografía: Roman Vasyanov
Música: Steven Price
Elenco: Will Smith, Jared Leto, Margot Robbie, Jai Courtney, Ike Baringholtz, Viola Davis, Common, Ezra Miller, Jay Hernandez, Adewale Akinnuoye-Agbaje, Cara Delevingne, Joel Kinnaman, Aidan Devine, Adam Beach, Ben Affleck, Karen Fukuhara, Corina Calderon, Scott Eastwood

SINOPSE
Oito dos superviláns máis perigosos do mundo son recrutados para facer fronte a unha posíbel ameaza alieníxena. O primeiro traballo será combater contra un ser non-humano que ameaza con destruír toda a humanidade. 

CRÍTICA
“A música está ben”. Esta é unha das poucas cousas positivas que se poden escoitar ao remate de Escuadrón Suicida. Certo é: a música está ben... Tampouco había moito fallo darlle ao play a grandes éxitos de AC/DC, The Animals, Rolling Stones, Creedence Clearwater Revival, Black Sabbath, White Stripes, Emimen ou Queen que fan as veces de luxosa banda sonora de presentación videoclipeira duns oito do patíbulo formado por unha recua de estrelas de Hollywood encabezadas por Will Smith/Deadshot, Jared Leto/Joker e máis a presenza testemuñal de Ben Affleck/Batman. Tamén, coma reclamo do filme, conta coa suntuosa Margot Robbie (O lobo de Wall Street) na pel da desequilibrada Harley Quinn máis a modelo-cantante Cara Delevingne (Cidades de papel). 

Semella que os máis de 160 millóns de euros que custou a broma destináronse a dereitos de autor e a pagar o elevado caché que deberon pedir os actores

Semella que os máis de 160 millóns de euros que custou a broma destináronse a dereitos de autor e a pagar o elevado caché que deberon pedir os actores por aparecer nunha das peores adaptacións ao cómic da historia. Unha historia que continúa cronoloxicamente xusto despois dos acontecementos de Batman v. Superman de Zack Snyder, mais aquí Snyder permanece de produtor mentres dirixe un desnortado David Ayer (Corazóns de aceiro, Sabotaxe).

O conto vai dunha malísima axente do goberno estadounidense (Viola Davis) que crea un exército co peor da cada casa: un que dispara moi ben, outro que lanza o búmerang moi ben, un coa pel de crocodilo, un que lanza lume e ata un que escala superben. Si, así é... Tremendos superpoderes! Pois ben, esta recua de “superviláns” tírase ao monte para derrotar a un estraño ser que ameaza con destruír o mundo. 

E iso é todo amigos... Trama nula, frases metidas con calzador, efectos dixitais de videoxogo (de PC vello) e humor que só funciona no trailer. De feito só fai gracia xusto cando non queren facela... aí si que é un esmendrelle. Para despistar ao persoal póñenlle un envoltorio de moito colorincho, poses guapas de chicos/as malo/as e grandes éxitos musicais de onte e de hoxe. Podía ter a maxia dun digno serie B, mais a cousa tira a un serie Z... e porque non hai máis letras. Os esforzos de Will Smith/Deadshot e Jay Hernández/Diaño por aportar algo de carga dramática son en van. Había moitas esperanzas tamén en que Jared Leto revolucionara a interpretación do Joker dándolle un matiz diferente aos de César Romero, Jack Nicholson e Heath Ledger, mais queda en algo anecdótico, mais que nada pola duración mínima coa que conta en pantalla. 

Escuadrón Suicida é peor que unha dor de moas

Escuadrón Suicida é peor que unha dor de moas. Non a recomendaría nin ao meu peor inimigo. Con todo, o público adolescente, público obxectivo do filme, vaino pasar bomba coas posturiñas e xestos de Margot Robbie/Harley Quinn e as ocorrencias de Jared Leto/Joker. Unha mágoa xa que sería un paso atrás que asumiran a cantidade de mensaxes machistas e misóxinas que se soltan durante toda a metraxe. Gustará a público xuvenil e, se gozaches con filmes coma Skyline (2010, Colin e Greg Strause), Campo de batalla: a Terra (2000, Roger Christian) ou Catro Fantásticos (2015, Josh Trank), igual tamén lle atopas o punto... Pero se o que andas é a procura de cómic de verdade, mellor pasa por A Coruña que aínda están a voltas co festival da banda deseñada “Viñetas desde o Atlántico” toda esta fin de semana.