O TAC! Festival de Arquitectura Urbana inaugurarase na Porta do Sol de Vigo

Proxecto de Óscar Cruz e Pablo Paradinas.
O encontro ábrese esta quinta feira, 13 de xuño, coa presentación do pavillón Qué faena(r)! de Óscar Cruz e Pablo Paradinas.

Esta quinta feira inaugúrase en Vigo a terceira edición do TAC! Festival de Arquitectura Urbana, coa presentación aos medios do pavillón temporal Que faena(r)! ás 11.30 horas, na Porta do Sol da cidade.

Desde mañá e até o 14 de xullo a Porta do Sol e o pavillón Que faena(r)! acollerán un programa de actividades públicas no marco dunha iniciativa que, coa implicación de artesáns e industrias sostíbeis da propia localidade, demostra a capacidade da arquitectura para conectar territorios, persoas e prácticas a través dunha proposta que reivindica os oficios e a tradición local dunha forma contemporánea.

A terceira edición de TAC! ten como fío condutor a reflexión sobre o espazo público e a rexeneración dos centros urbanos. O proxecto gañador do pavillón foi Que faena(r)!, dos arquitectos Óscar Cruz García e Pablo Paradinas Sastre, e expón un encontro entre natureza e artificio, tradición e mediación a través da estrutura da batea á que suma unha cuberta en forma de rede que alude ao sistema de pesca tradicional como reclamo e abrigo de actividades.

A construción deste pavillón parte da reutilización de materiais considerados residuos e conta coa implicación de produtores locais. Redes de pesca, "bombos" oxidados, madeira recuperada de batea e bloques de granito gozan dunha "segunda oportunidade" tras ver cumprida a súa misión no mar. 

Fran Millán e o seu equipo de Frouma Atlantic Wood construíron a plataforma con madeira procedente das propias bateas e a deseñadora galega Amalia Puga, xunto á asociación de Redeiras "Atalaia" de A Guarda, elaboraron a cuberta do pavillón. Por outro lado, o espazo reservado baixo a batea comprende un rectángulo cun bloque de granito rosado, un fragmento natural da historia xeolóxica e recordatorio do diálogo eterno entre a terra e o mar, entre a gravidade e o vento.

Ademais, para promover unha arquitectura de proximidade e sostíbel, unha vez terminado o festival, Que faena(r)! pretende trasladar o pavillón á Praia do Cocho a modo de plataforma recreativa co fin de alongar a súa vida útil.

Paralelamente, inaugurarase a exposición dos traballos máis destacados presentados á convocatoria aberta para o deseño do pavillón temporal desta edición do festival na Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, na que se poderán ver traballos de Miguel Herreras e Valerio Di Festa; Alberto Vallejo Puntero, Justo Díaz Diego, Guillermo Pozo Arribas; ou Álvaro Llera García, entre outros.