Tanxugueiras, cabeza de cartel do Guísamo Folk

O trío Tanxugueiras (Foto: Polaride).
O festival decorrerá o próximo 24 de agosto no campo da festa da localidade da comarca da Coruña.

A XXIII edición do festival Guísamo Folk, que decorrerá o próximo 24 de agosto no campo da festa da localidade da comarca da Coruña, terá como cabeza de cartel a Tanxugueiras.

Xunto a elas tamén estarán o vigueses Abril, un proxecto que mestura músicas de raíz galega e ibérica con outros xéneros. Tamén se subirán ao escenario Arredores, un grupo que non quere etiquetarse nun só xénero e que ofrece concertos con moita enerxía.

O ramo á festa porao Terbutalina. Formado en 2010 por tres mozos de Esteiro (Muros, comarca homónima) que querían proxectar a imaxe do seu pobo por toda a Galiza. Os concertos comezarán sobre as 20 horas, mais o Concello organizará durante toda a xornada festiva unha serie de talleres e actividades para os máis pequenos.

Momento de auxe

A música galega, na actualidade está a vivir un claro momento de auxe, sendo xa habitual ver cancións galegas nas listas de éxito das plataformas músicas. Un efecto que se rexistra tamén nos concertos, sendo cada vez máis os grupos galegos presentes nos carteis dos grandes festivais do país e os que esgotan as entradas dos seus concertos en cuestión de poucos días.

Este aumento das escoitas da música en lingua galega, lembra a década dos noventa e inicios de 2000, nos cales grupos como Luar na Lubre, Berrogüeto, Milladoiro ou a artista Mercedes Peón levaron a nosa música até os escenarios internacionais. 

O "efecto" Tanxugueiras

 O auxe da música galega viuse, especialmente, aumentado despois do chamado "efecto" Tanxugueiras. O grupo conformado por Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío fixo que se voltara a pór o foco nacional e internacional na música galega, facendo que as coplas tradicionais cheguen á mocidade cunha visión actualizada.

As Tanxugueiras conseguiron o pasado 16 de decembro converter o Coliseum da Coruña, o cal é a sala de concertos máis grande do noroeste da península, nunha gran foliada. As entradas do concerto esgotáronse rapidamente, enchendo a capacidade do recinto con 10.00 persoas de todos os lugares da Galiza.