“Temos un problema de relevo xeracional”
Na noite de hoxe sábado celébrase a 18ª edición do Festival ‘Música na Noite’ en Calo (Teo) e falamos co presidente de Lúa Chea, a asociación que o organiza: Xan Carlos Porto, que nos conta as alegrías e dificultades de argallar un festival desde a base.
- Cumprides 18 edicións do Festival Música na Noite. Como empezastes?
- Empezamos hai 30 anos, estivemos desaparecidos durante 14 ou 15 anos máis ou menos. Empezamos como un grupo de amigos e aos dous anos constituimos a asociación Lúa Chea, que tamén organiza outras actividades ao longo do ano, e a idea era un pouco dar a coñecer a música galega e de fóra de Galiza na contorna rural de Teo.
- Cal era o voso modelo de festival? Por que tipo de música queriades apostar?
- Os primeiros anos, até hai cinco anos, só era música folc. Logo decidimos engadir grupos de rock.
A idea era un pouco dar a coñecer a música galega e de fóra de Galiza na contorna rural de Teo
- Sempre programastes desde o principio só música galega?
- Non, de todo, trouxemos grupos folc de fóra como Oskorri, Kepa Junkera, algún grupo italiano, francés… o que se buscaba daquela era a raíz folc da música.
- Sempre apostastes por facelo de balde…
- Si, é unha máxima que temos, vemos que non é o que se leva e iso crea problemas económicos, pero consideramos que é algo que vai continuar no tempo. E sempre foi gratuíto.
- E como vos financiades?
- Cunha achega que fan os socios, con achegas de algunhas empresas, donativos e cunha pequena axuda do Concello de Teo. E logo co que se recauda na propia festa: o bar, a comida que se serve alí, os aparcadoiros, etc. Esa é o único financiamento que existe.
Nesta edición actúan cinco grupos: Zurrumalla, Barbitúricos, O Sonoro Maxín, Malandrómeda e Airiños do Maykar.
- Se conseguistes superar estes últimos anos, os seguintes serán máis doados.
- Pois non sei, porque agora temos un problema de relevo xeracional na organización. Hai xente que levamos moitos anos, porque a xente que asiste non se dá conta de que a xente que menos disfruta ese día é a que traballa non só ese día, senón todo o ano para que se poida facer.
- Cantos traballades?
- Depende dos anos, pero mañá [por hoxe] haberá 30 ou 40 persoas.
- Que nos podes contar da edición deste ano?
É a edición 18 e actúan cinco grupos: Zurrumalla, Barbitúricos, O Sonoro Maxín, Malandrómeda e Airiños do Maykar.
- Hai moito xénero mesturado.
Si, desde hai cinco anos incorporamos rock, hiphop, pop…
- Cal é a vosa idea para o futuro?
- A asociación está aberta a entrada de xente nova, pero aínda así non creo que cambie moito o concepto.