SAMESUGAS.

"Téñennos dito que a nosa música pegaría en Australia. Todo un orgullo"

Samesugas xurdiu en 1999 en Compostela das cinzas da heteroxénea escena hardcore que bulía pola cidade. Levan 15 anos a facer punk-rock´n´roll. "Nunca pensamos que iamos durar tanto, a verdade"

 

Samesugas xurdiu en 1999 en Compostela das cinzas da heteroxénea escena hardcore que bulía por Santiago DC nos noventa: Fame Neghra, Dirty Barriguitas.... grupos nos que militaron algúns dos membros de Samesugas. Levan 15 anos a facer punk-rock´n´roll, dando concertos até en Finlandia e gravando temas para selos de diferentes países. Recoñecen que "nunca pensamos que iamos durar tanto, a verdade"

Os Hertzainak cantaban nos 80 que "en Euskadi o rock and roll non dá cartos". Dáos en Galiza no 2014? 

No noso caso esa frase de Hertzainak é ben actual. Mais nós nunca pensamos nisto como un medio de vida. Se seguimos xuntos despois de 15 anos é porque nos gusta o que facemos. Naqueles concertos onde obtemos algo de diñeiro, este vai para os gastos do grupo... Nunca repartimos os cartos entre os integrantes.

En que cambiastes ao longo destes quince anos? 

Aprendemos a tocar (risos), niso melloramos. Fixemos sempre o que nos gustou. Quizáis agora non teñamos tanta présa por facer as cousas como cando empezamos, facémolas cando nos apetece, sen presións. Mantemos o de intentar tocar en todos aqueles sitios de onde nos chaman.

Como era aquela escena de Compostela dos noventa da que xurdístes?

Era todo máis primario e básico. Había que buscarse máis a vida mais tamén tiña un encanto. Foi daquela cando nos criamos musicalmente, non só tocando, senón tamén aprendendo a organizar concertos...

E a escena actual en Santiago DC? 

Falar de escena quizáis non é o máis acaído porque non hai esa unidade entre os grupos. Mais actualmente hai unha manchea de conxuntos e de todos os estilos, desde punk a rap ou rocabilly. Nese sentido coido que nunca se estivo mellor. Se falamos da industria musical ese é outro conto mais a nós tampouco é que nos interese moito, porque estamos á marxe dela.

En 15 anos, 3 LPs. Cada un cun toque diferente e propio mais sempre co estilo de Samesugas. Reflexa cada traballo as fases de evolución do grupo? 

Pois pode que si, que en cada un deles haxa unha pegada diferente sendo os tres do estilo Samesugas. No primeiro (Machine in your brain) xuntamos temas que fixemos para diversos compilatorios. O segundo (Alá vai!) nótase que é máis garaxe e rock´n´roll. E no terceiro (They are out there) buscamos algo máis salvaxe, un son máis bruto, por dicilo así. Estamos moi satisfeitos con este terceiro disco, tanto no que se refire a temas como no son.

Letras en galego e inglés.. 

Si. O galego é a nosa lingua e o inglés é, por dicilo dalgún xeito, a lingua standar do rock´n´roll. O que non sentimos necesidade é de facelas en español. 

Sodes o grupo galego máis 'australiano'? 

Gostariamos de poder dicir que si! (risos). Non hai outro conxunto con tanta paixón polo rock australiano coma nós. Hai unhas semanas demos un concerto cun grupo de alí (Money for rope) e o seu manager díxonos que a nosa música tería pegada en Australia. Todo un orgullo!  

 

Publicado no semanario Sermos Galiza nº111