CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

The Dead Daisies: make some noise

Poucas veces na historia da música se dá unha confluencia de músicos de altísima calidade nun proxecto paralelo á súa actividade principal, que sexa quen de facer un traballo que sexa recoñecido pola súa calidade en vez de polo nome dos seus compoñentes. Dende a aparición  de The Travelling Wilburys, moitos foron os intentos de formar o coñecido como superbandas que tiveran esa calidade da que anteriormente fixeran gala combos como Bad Company,  Journey, Cream,  Crosby, Stills,  Nash & Young, ou Emerson, Lake & Palmer, converténdose moitas delas na banda principal dos seus compoñentes. Os últimos en unirse a este clube son The Dead Daisies, que chegan co seu novo traballo “Make Some Noise”.

The Dead Daisies é unha banda de Hard Rock que foi formada no 2012 por Jon Stevens, quen fora vocalista de INXS trala morte de Michael Hutchence, e por David Lowy, quen fora guitarrista de Mink.  E na que contaron con xente como Dizzy Reed e Richard Fortus, teclas e guitarras de Guns’n’Roses, respectivamente e que actualmente están fora por mor da reunión da banda ou Daryl Jones, baixista dos Rolling Stones. Tralos cambios na formación neste traballo atopamos Jon Corabi, quen fora vocalista dos Mötley CrüeMarco Menzdoza, baixista dos Thin Lizzy; Brian Tichy, batería de WhiteSnake,quen fora tamén guitarrista de WhiteSnake, Doug Aldrich e o propio Lowy. 

O tema de apertura, Long Way To Go,  é un resumo do que imos atopar en todo disco. Un tema guitarreiro, clásico, divertido e con todo o pouso da vella escola,  sen grandes  alardes de virtuosismo e mais centrado nas harmonías e as melodías. E nese camiño segue We All Fall Down, rítmica e cuns coros moi traballados que, xunto co traballo vocal de Corabi, por momentos lembra bastante Aerosmith. Na mesma liña vai  Song of a Prayer, que ben podería ser interpretada polos de Steve Tyler e que ben podería soar en calquera radio comercial. 

Mainline é un tema algo máis salvaxe, que Aldrich enche perfectamente cos seus solos e licks, que até este momento era algo que se botaba en falta no álbum e os fans máis metaleiros agradecerán. En Make Some Noise, atopamos o típico tema feito para os directos. Un ritmo de batería marcado, como fixeran Queen en We Will Rock You   e un retrouse sinxelo e pegadizo para que os fans se deixen as gorxas cantando xunto a banda.

Xa na metade do disco, atopamos Fortunate Son, unha versión do clásico da Creedence, que se de por si é un tema espectacular, na execución que fan sóbenlle a intensidade para darlle unha potencia máis ao estilo da banda. Nada que ver con Last Time I Saw The Sun na que volven ao estilo Aerosmith, igual que con Mine All Mine How Does It Feel nas que sen dúbida destaca a solidez da súa base rítmica, aínda que as voces deixan algo indiferentes. 

Freedom comeza cun espectacular riff de Aldrich, creando un tema que sobe en intensidade e que posúe un ritmo frenético fora da tónica dos temas anteriores e que é un sopro de aire fresco para os mais metaleiros. All The Same por momentos lembra a WhiteSnake¸ cun retrouso moi comercial e de moi fácil escoita. Pechando o disco está  Join Together, unha versión de The Who¸ no que se ben non aportan nada que mellore o orixinal, queda correcto na súa execución.

Make Some Noise é un disco basicamente creado para interpretar en directo, e no que o público participe. Cun estilo que lembra moito a uns modernizados Aerosmith, este terceiro traballo de The Dead Daisies está cheo de rock divertido e de fácil escoita que funciona e non aburre.

LISTAXE DE TEMAS

1. Long Way to Go
2. We All Fall Down
3. Song and a Prayer
4. Mainline
5. Make Some Noise
6. Fortunate Son
7. Last Time I Saw the Sun
8. Mine All Mine
9. How Does It Feel
10. Freedom
11. All the Same
12. Join Together

THE DEAD DAISIES NA REDE

WEB: http://thedeaddaisies.com

FACEBOOK: http://www.facebook.com/TheDeadDaisies

TWITTER: @TheDeadDaisies