MÁIS

A troula do Apertuke

Tamborilada da pasada edición do Apertuke de Nigrán. (Foto: Cris Grande)
Todos os tambores preparados en Nigrán.

No complexo deportivo de Gaifar, en Panxón, concello de Nigrán (comarca de Vigo) ten lugar un evento como poucos. Unha celebración da música e do seu acompañamento máis elemental: a percusión. Deste modo, volve outro ano máis o Apertuke, ou o que é o mesmo, o V Festival de Percusión Afrobrasileira organizado pola Asociación de Percusionistas e Tamborileir@s Aperta, que lanzan unha nova edición deste orixinal evento, que decorrerá os días 31 de agosto e 1 de setembro. 

Durante eses dous días, terán lugar na cidade batucadas, ruadas, xogos infantís, talleres de percusión e danza e actuacións musicais, especialmente o sábado 31. Ese será o día grande do Apertuke, no que a diversión irá en aumento desde as 10.30 horas até as 3 horas, con actividades de balde, excepto o obradoiro de percusión, impartido por Miguel Moreno e Catherine Díaz, da asociación Mudarte, cun prezo de 25 euros.

Por outra parte, algunhas das propostas acústicas serán os grupos Sacha na Horta (23.25 horas) -gañadores do concurso 'A polo ghit' de Radio Galega e Vieiros e participantes noutros festivais como Antrospinos- e Cafuné (01.30 horas), que acode a chamada dos tambores desde Madrid para amosar o seu son ska e reggae. Malia todo, a nota diferencial será a artista drag Nenaza, que, desde o imaxinario mitolóxico galego, fará vibrar Nigrán coa súa sesión DJ e co seu proxecto performático. 

Tras tanta esmorga, o domingo encarárase cun enfoque moito máis relaxado, cunha amena ruada pola paseo da praia de Panxón ás 13 horas, broche de ouro para tanto ritmo e tambor.