CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Vhäldemar: Old King's visions

Se Kai Hansen nascera en Biscaia sen dúbida estaría a tocar con Vhäldemar, banda de referencia estatal dentro do power e speed metal. Agora, 4 anos despois da edición de Shadows of Combat, volven con novos temas en forma de EP de edición limitada a 600 copias e nomeado, como non podería ser de outro xeito, Old King’s Visions.

Este novo traballo deixoume unha serie de sentimentos encontrados. O primeiro deles é o feito de ver a evolución da banda dentro do metal más clásico con estruturas moi propias dos oitenta, pero con un son actualizado que lles dá un valor engadido. O reverso é a edición dun EP con temas que aparecerán nun disco que xa teñen practicamente preparado para saír despois do verán, o que fai perder a verdadeira esencia do que ten que ser un EP para convertelo nunha escusa para tentar aumentar o número de concertos co pretexto da súa presentación

A apertura do plástico con 1366 – Old King’s Visions Pt V  é realmente demoledora. Uns riffs trepidantes e uns solos de Pedro J. Monge que me lembran os motivos polos que o Metal  me fixo o seu refén.  A produción é das más coidadas de todos os seus traballos e a voz de Carlos Escudero é das poucas veces que me gusta na primeira escoita. Completa a composición un retrouso moi melódico, ao tempo que pouco orixinal con claras influencias do speed metal  xermano. A mellor canción do disco, que con razón foi a elixida como single.

I Will Stand Forever é un tema correcto dentro do power metal. Unha base moi machucona, ao tempo que sinxela, demostra que o grupo está compactado e con peso, pero non aporta gran cousa agás unha mirada atrás á historia da banda. A voz de Escudero volve a estar por debaixo do nivel no que estaba no tema anterior e unha vez máis o que se salvan son as guitarras de Pedro Monge que se divirte a base de tappings nos seus solos.

Desconcerta que tratándose dun EP veña como terceiro corte Intro, un tema de piano de corte clásico que serve de introdución, supoño, a Howling At The Moon. É habitual que a banda inclúa nos seus LP algún tema de corte clásico, mesmo teñen gravado un tema de Bach, pero nun EP non ten moito sentido, xa que tampouco aporta nada agás servir de preludio a un Howling At The Moon, que se ben o título pode lembrar a Ozzy Osbourne,  o tema en si é puramente Gamma Ray, dende o primeiro riff até a derradeira harmonía vogal do retrouso. Unha vez máis, as guitarras son o mellor do tema co apoio dunha base rítmica que eleva o seu poderío. Esta vez si, a voz de Escudero volve a estar á altura dun tema destas características. 

E por se fose pouca a influencia de Kai Hansen na banda, da cal seica hai quen di que evoluíron para ir por camiños propios, como bonus track¸ inclúen unha versión do tema de Helloween Gorgar que xa fora editada anteriormente,  o que me leva a un dos grande problemas desta banda. Lonxe de ser unha banda de seu, é unha banda cuxos temas sempre soan a outra banda. A falta de orixinalidade e de son propio é un handicap, xa que o feito diferencial pode ser o vocalista quen, malia ser un dos piares fundamentais da banda, peca de irregularidade nas súas interpretacións.

Quedo coa preocupación, tras escoitar este plástico, do que nos pode agardar no seu vindeiro traballo de longa duración Against All Kings, xa que se nos EP’s se adoita meter o mellor material para enganchar e crear expectación, con Old King’s Visions, fan todo o contrario. Temos un tema bon e o resto, máis do mesmo. Un traballo só para fans da banda que ben poderían ter evitado editar e lanzar só o 1366 – Old King’s Visions Pt V  como sinxelo de adianto.

 

VHÄLDEMAR NAS REDES

WEB: http://www.vhaldemar.net

FACEBOOK: https://www.facebook.com/VhaldemarOficial/

TWITTER: @InfoVhaldemar

 

LISTAXE DE TEMAS

 

1.-1366,  Old King´s Visions Pt V

2.-I Will Stand Forever

3.-Intro

4.-Howling at the Moon

5.-Gorgar