Contracultura

Vicente Vázquez: "'A maleza acabará por cubrilo todo' é unha idea constante no poemario, tamén ao falar do rural"

O profesor Vicente Vázquez é poeta e autor de 'O conto da leiteira'. (Foto: Nós Diario)

Vicente Vázquez (Melide, 1992) vén de ser galardoado co premio de poesía Francisco Añón, convocado polo Concello de Outes (comarca de Noia), pola súa obra O conto da leiteira, un poemario en prosa que recupera o saber popular para pór en cuestión a sociedade actual.

—Como converteu un conto popular e coñecido nun poemario?
O conto da leiteira é un poemario en prosa que comecei a escribir no verán de 2020. Eu volvera dos Estados Unidos e tiña uns días de descanso. Creo que quizais houbo unha certa influencia a causa das mortes provocadas pola Covid, porque ao final toda a obra é un diálogo entre vivos e mortos.

O que hai detrás do poemario é a idea errada do progreso e que se ve representada nese caldeiro de leite que vai á feira para despois ser transformado en queixo e que a economía vaia medrando mais que, igual que acontece no conto, acaba por romper e non sucede nada do que, en potencia, podería ocorrer. En gran medida tamén é a visión errada desde o punto de vista do rural galego, porque os meus pais son gandeiros do sector lácteo. Digamos que intentei explicar tres cousas ao mesmo tempo: a historia da miña familia, a da miña aldea e a do mundo.

—Precisamente, o xurado salientou a carga de saber popular que estaba presente ao longo de toda a obra.
Para min era importante deixar claro que non podemos romantizar o pasado. Cada vez que pomos en dúbida o progreso parece que tamén hai que dicir que antes todo era mellor. Parece que esquecemos todos os abusos que se deron no pasado. De feito, nalgúns poemas vese a domesticación que se fai cos animais, coas persoas, cos vasalos... As relacións que había cos amos, que é algo que non nos queda tan lonxe na Galiza. Até hai non moito había persoas que nin sequera eran donas das súas casas e creo que aínda hai lugares onde quedan remanentes desas tradicións.

Con todo, creo que tamén é necesario un diálogo co pasado e coa tradición, que é algo que na Galiza se está a facer, quizais un pouco tarde, de forma bastante maxistral nalgúns aspectos. Outra cousa que se ve en O conto da leiteira é como o rural pasou de ser un espazo de encontro, conversa e vida a ese espazo ao que van algunhas persoas que non o habitan como se debera, non respectan a axuda mutua nin outras formas propias do rural tradicional. Moitas das persoas que viven agora no rural fano desde unha perspectiva estética: mercan a súa casa por poucos cartos porque sobran, restáurana para que quede bonita, mais non estabelecen relacións coas persoas que aínda viven, ou sobreviven, no rural. Parece que se converte nunha sorte de lugar de paso ou de vacacións. É como un aeroporto.

Tampouco se trata de sinalar ninguén porque evidentemente nun mundo urbanizado o rural presenta un espazo de descanso e de reflexión para quen queira velo así e iso tamén é marabilloso. Se ao final acaban por darlle unha nova vida a espazos que están desaparecendo por cuestións socioeconómicas, benvido sexa. Non sabemos como vai acabar a historia.

—Como reflectiu a linguaxe do saber popular?
Vai en relación coa idea errada do progreso, porque ao final é como unha especie de profecía que pode cumprirse ou non. Entra en xogo esa linguaxe profética, algo místico e que non sabemos se é verdade ou se é unha sentenza. É unha linguaxe que eu quería reflectir nos poemas. A profecía é sinxela: a maleza acabará por cubrilo todo. É unha frase que se repite de maneira constante ao longo da obra, porque tamén é unha sentenza que se repite moito cando se fala do rural.