CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Victor Frankestein, rir por non chorar

Un fotograma do filme

Un clásico revisitado. Victor Frankestein. O resultado dá para botar a correr...da sala!! Mais antes de fuxir, pasen e lean o que lle pareceu o filme ao noso crítico de cabeceira.

VICTOR FRANKENSTEIN
(EUA 2015, 110 min.)
Dirección: Paul McGuigan
Guión: Max Landis
Fotografía: Fabian Wagner    
Música: Craig Armstrong
Elenco: Daniel Radcliffe, James McAvoy, Jessica Brown Findlay, Andrew Scott, Charles Dance, Freddie Fox, Daniel Mays, Bronson Webb, Spencer Wilding, Guillaume Delaunay

SINOPSE
O doutor Victor Frankenstein, grazas á inestimábel axuda do seu protexido Igor Straussman, desenrola un sistema que revive tecido morto. As posibilidades médicas son infinitas e poden facer realidade a verdadeira obsesión do doutor: acadar a inmortalidade. Mais Igor comeza a albiscar as terroríficas consecuencias do seguinte experimento.

CRÍTICA
Nunca pensei que diría algo así na miña vida pero... esta versión “libre” do Frankenstein de Mary Shelley é moitísimo máis divertida que o Xovenciño Frankenstein de Mel Brooks!! Si, éche un esmendrelle... O malo é que Victor Frankenstein non ten ningunha pretensión de facer rir. Vaiamos por partes, nunca mellor dito... Para empezar o conto comeza cun soliloquio en plan de que “todos coñecemos ao monstro; é hora de coñecer ao home”. Moi ben. Bo comezo. Presuntuoso, pero ben. Inmediatamente despois entramos nun circo en plan A parada dos monstros (1932, Tod Browning) onde un chepudo (Igor) resulta ser un pallaso maltratado polo resto de compañeiros e namorado dunha bela trapecista que, obviamente, non sabe nin que existe. Intento de darlle unha volta ao conto un tanto tópico mais a cousa sigue estando interesante. Iso si, non pasan nin tres minutos disto (si, vai todo moi rápido) cando comeza a verdadeira ida de olla. Resulta que o tal Igor é chepudo si, pero tamén éche a mar de intelixente e atopa tempo para estudar medicina nos ratos libres. Dáselle tan ben tan ben que incluso exerce de médico na compañía circense... Victor Frankenstein, que pasaba por alí, ule isto á primeira e libera a Igor do xugo circense para que sexa o seu axudante. A fuxida a cámara lenta provoca as primeiras risas espontáneas, se non brotaron xa antes... Lévao a mansión e, atención, quítalle a chepa coas súas poderosas artes médicas que seica non lle deixaba facer ben culleriña... Comeza así un divertido xogo Batman/Robin - Epi/Blas - Quixote/Sancho que é, probablemente, a mellor proposta deste descontrolado filme xunto co deseño de arte e produción (que é onde deberon deixar toda a creatividade e cartos).

A partir de aquí hai dúas opcións: ou quedar e botar unhas risas co resto de sorpresas (absurdas) que nos teñen preparadas ou, se se ten un pouco de amor propio e vergoña allea, levantar e marchares por onde viñemos... A pesares dos esforzos xestuais de James McAvoy (Victor Frankenstein) non ten absolutamente nada que facer perante ao romanticamente inquietante Igor que compón Daniel “Harry Potter” Radcliffe. Semella que este rapaz vai camiño de se converter nun recorrente freak se segue aceptando este tipo de papeis, ou se segue mantendo o mesmo representante... Lembremos que non hai moito saíanlle uns cornos na entretida Horns (2013, Alexandre Aja) e moi pronto verémolo de morto, en plan Este morto está moi vivo pero en xeito indie, nun dos filmes máis estraños do ano: Swiss Army Man (recente Premio a Mellor Dirección en Sundance). Só hai que mirar o trailer en internet para soltar un WTF/QC (what the fuck/que carallo). Sen dúbida, se ten algún mérito este Víctor Frankenstein é única e exclusivamente pola presenza de Daniel Radcliffe. De feito o filme deberíase chamar “Igor” e non “Victor Frankenstein”, non só por isto, seno porque o punto de vista da historia é completamente a través dos ollos de Igor. O doutor Frankenstein e un mero atrezzo, inda que tampouco é o único no que se contradí... En fin, un filme tan simple e absurdo que, co paso do tempo, até podería chegar a ser un deses filmes “de culto” indispensábeis.