A vida e a obra de Rosalía de Castro protagonizan a exposición de Vía Galega e Galiza Cultura no Museo do Pobo Galego

A inauguración da exposición Rosalía: proclamar ao mundo que Galiza existe, organizada por Vía Galega e Galiza Cultura, terá lugar esta cuarta feira 25 de setembro.
Retrato de Rosalía, realizado en 1864 por María Cardarelly e atopado en 2013. (Foto: Fundación Rosalía de Castro)
photo_camera Retrato de Rosalía, realizado en 1864 por María Cardarelly e atopado en 2013. (Foto: Fundación Rosalía de Castro)

Esta cuarta feira 25 de setembro, ás 19 horas, terá lugar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, a inauguración da exposición Rosalía: proclamar ao mundo que Galiza existe, organizada por Vía Galega e Galiza Cultura (coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e do propio Museo do Pobo Galego).

Esta exposición, con textos do historiador e crítico literario Francisco Rodríguez, tamén colaborador de Nós Diario, conxuga tres aspectos determinantes para coñecer e valorar a figura e a obra de Rosalía de Castro: a súa biografía, o contexto histórico e socio-cultural en que se desenvolve, así como a orientación, o sentido e a vixencia da súa obra.

“Sen dúbida, houbo avances substanciais na investigación da biografía rosaliana nos últimos vinte anos. Fica, a cada paso, máis claro que a nena Rosalía, malia ser filla natural da súa nai Teresa cun crego, foi criada por esta na casa dos avós maternos”, explicaba Rodríguez nas páxinas de Nós Diario nunha recente análise. “Máis tarde, en 1842, con cinco anos, vivía coa súa nai en Padrón, perto da casa do seu pai crego”, sinalaba. “En 1847 marchan nai e filla a viviren a Santiago”, engadía.

“Todo o que fomos sabendo con certeza nos últimos anos, grazas en boa parte ás investigacións documentais da finada María Victoria Ruiz de Ojeda, vai desbaratando os tópicos sobre a ilexitimidade da nacenza como causa dun suposto sentimento de orfandade na escritora, mesmo de ter sido vítima da hipocrisía e prexuízos maternos”, argumentaba o historiador.

“Parte da crítica non considerou as condicións da nacenza como causa de ningún trauma na infancia e mocidade rosalianas e defendeu que posuía unha elevada educación, non regrada, cualificando a súa formación de autodidacta, como non podía ser doutra maneira naquela época para a muller”, acrecentaba Rodríguez.

Con todo, abondaba, “outra, con non pouca influencia académica durante moitos anos, sacralizou o trauma da nacenza e que era pouco menos que unha iletrada. A énfase no que consideraban faltas de ortografía nos manuscritos rosalianos en español, para alén dun sentido anacrónico e estático sobre a normativa dese idioma, respondeu sempre ao afán por sementar sombras de dúbida sobre a súa capacidade intelectual. Era unha escritora sentimental, pouco proclive aos pensamentos profundos, que non estaba á altura dos seus tempos, veñen dicirnos”.

“O certo é que a familia materna de Rosalía, como Murguía, sempre a tiveron en alta consideración intelectual. Como certo é tamén que un pequeno sector da tradición crítica rosaliana oficialista (o ministro González Besada co seu discurso de ingreso na Real Academia Española sobre Rosalía en 1916), defendeu que era unha muller culta e de altas dotes intelectuais”, explicaba na súa análise para Nós Diario.

“A súa formación intelectual e artística avanzou no período comprendido entre 1847 e 1856, cando a moza Rosalía participou nas actividades do Liceo de la Juventud, no que as socias eran moitas menos que os socios, naturalmente”, concluía Francisco Rodríguez.

Comentarios