O VII premio Nortear recae en 'O amor das pedras' de Pedro Rodríguez Villar

Pedro Rodríguez gañou a VII edición do Premio Nortear. (Foto: GNP-AECT)
O galardón transfronteirizo, que pretende promover a creación literaria na mocidade, recibiu este ano até 46 candidaturas da Galiza e Portugal. Pedro Rodríguez súmase con este recoñecemento ás galegas Lara Dopazo, Cecilia Santomé e Sabela Varela e aos lusos Rui Cerqueira, Sara Brandão e Célia Fraga

A narrativa do escritor e xornalista Pedro Rodríguez Villar, de 24 anos e natural de Nigrán, vén de ser recoñecida co VII Premio Literario Nortear, un concurso promovido pola AECT da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal en colaboración con institucións da Galiza e de Portugal para “incentivar a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa e favorecer a circulación e distribución de obras literarias” entre ambos os territorios. 

Nesta ocasión, a peza O amor das pedras, un conto en prosa que, segundo o xurado, sobresaíu “pola súa fermosa narrativa, linguaxe poética, o seu lirismo particularmente emotivo e bo ritmo narrativo para tratar os temas da violencia contra a muller e do amor” fronte ás outras 45 -19 en galego e castelán e 27 en portugués- achegas.

Rodríguez xa dedicou o recoñecemento aos seus avós.

“O meu avó é mariñeiro e traballou no mar, o que non foi impedimento para me contar moitas noites contos fermosísimos cheos de amor e de lirismo”, lembra o autor, que xa ten escrito unha ducia de obras de teatro e varias obras poéticas. 

O escritor súmase así ás galegas Lara Dopazo, Cecilia Santomé e Sabela Varela e aos portugueses Rui Cerqueira Coelho, Sara Brandão e Célia Fraga, recoñecidos con anterioridade.

Os verán en Ribadeo, trama do Fernández Paz

Como na xornada de onte déronse a coñecer os resultados de diferentes premios de creación literaria na Galiza, trasladouse tamén que o mestre e escritor Lois Pérez Díaz (Lugo, 1979) resultou gañador da V edición do premio Agustín Fernández Paz de Literatura Infantil e Xuvenil pola igualdade, que convocan Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais. 

Conseguiuno con A gruta da torre, achegada como candidata baixo o pseudónimo ‘Un peso sempre se gastou’.

O xurado salientou deste volume o interese da trama que se desenvolve no verán de 1990 en Ribadeo en espazos recoñecíbeis así como polo seu carácter como historia de formación protagonizada por un grupo diverso de rapaces e rapazas que emprenden unha viaxe de descuberta seguindo o fío das viaxes nos libros e tamén na memoria.

Aliás, estes días tamén se fallou en Bergondo o II Concurso de Poesía Filomena Dato. Lucía Durán Paredes levou o premio grazas a Cartografía dos nomes. O acto foi aproveitado para presentar o libro gañador do ano pasado, Ave do Paraíso de Lorena Conde.