Vilamor concorrerá no festival de cinema de Nova Iorque

Tras o paso por Cannes, o último filme de Ignacio Vilar cruzará o Atlántico. O cinema, a lingua e a paisaxe galega serán proxectadas en Times Square.

Vilamor vén de ser seleccionada para concorrer no Festival Internacional de Cinema de Nova Iorque, que terá lugar entre o 9 e o 16 de agosto. A película participará na categoría de longametraxes narrativas.

A noticia coincide coa chegada de Vilamor á capital galega, onde se estreará este sábado. Será no local da SGAE, tras negárense tanto os multicines Compostela como os de Área Central á estrea.

Vilamor chega á capital galega tras percorrer o equipo a xeografía galega nunha furgoneta Volkswagen dos anos 70, nunha xira promocional corpo a corpo. Unha caste de “campaña de guerrilla”, que procura solucionar os problemas de promoción levando a película cidade a cidade e vila a vila, nesa furgoneta que é en si imaxe viva do espírito do filme.

A previa de Vilamor será esta sexta feira, ás doce da mañá, no restaurante Pedro Roca, onde terá lugar un encontro co director da película e coas actrices e actores que a protagonizan: Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez.

O restaurante creará para a ocasión o Menú Vilamor, a modo de proposta para a fusión de cinema e gastronomía. A estrea da película terá lugar ao día seguinte no local da SGAE, tras negárense tanto os multicines Compostela como os de Área Central á súa estrea.

Vilamor recupera a historia da que foi no seu momento unha das comunas máis coñecidas de Europa, a de Nogueira. Fía o relato no encontro dun rapaz da aldea co microcosmos de utopía e liberdade da comuna. O de  Ignacio Vilar é, unha vez máis, cinema cen por cen galego, que aposta, ao igual que xa fixo o director en Pradolongo, por levar ás salas o rural galego.