MÁIS

Viños de Monterrei: unha ruta de sabores

Entre os atractivos da ruta, o castelo de Monterrei e a visita a Allariz. (Foto: Nós Diario)

Retorna a Verín o itinerario para non quedar con sede este verán

Da estación de Ourense sairá o 17 de agosto o tren que un ano máis adentrárase nos matices da denominación de orixe Monterrei no seu percorrido por catar unha das cinco etiquetas vinícolas presentes na Galiza. Será un día completo no que as persoas viaxeiras poderán saborear e coñecer a historia de municipios como Allariz ou Baños de Molgas. 

O solo galego é extremadamente fértil e produtivo, máis se cabe ao falar do cultivo da vide e da produción de viño. Por este motivo, cos anos foron creándose varias rutas de turismo vinícola, entre elas, a do viño de Monterrei que percorre a comarca de Verín. Esta forma parte da oferta de trens turísticos acordada entre Renfe e Turismo de Galiza para este verán, con saída da estación de ferrocarril de Ourense, e que supón un desembolso no billete de 45 euros para persoas adultas e de 20 euros para crianzas entre 3 e 13 anos. 

A denominación de orixe Monterrei é un espazo xeográfico que destaca polo seu clima de características mediterráneas -aínda que influenciado polo Océano Atlántico- e o seu solo seco e bañado polas bacías do río Douro e o Támega. As temperaturas nesta zona, que comprende municipios do val e ladeira de Monterrei (Oímbra, Vilardevós, Cabreiroá, Queirugás...), son frías no inverno e quentes no verán. Isto fai que se dean oscilacións térmicas de até 20º, favorábeis á maduración das vides. 

Tamén, o solo é moi característico, con rochas de lousa que aromatizan as variedades tintas e pedras graníticas e areosas con baixos niveis de pH para os viños brancos. Deste modo, trabállanse múltiples variedades de uva, que van dos brancos de godello, albariño ou caíño aos tintos de sousón, mencía ou araúxa. 

Cabe sinalar que os viños brancos da comarca de Verín son corpulentos, aromáticos, de cor amarela dourada, cunha graduación alcohólica de arredor de 13 graos; mentres, os tintos de Monterrei caracterízanse por unha tonalidade púrpura, aroma agradábel a froitos vermellos e un equilibrio alcohol-acidez. Con este percorrido, ponse en valor o sabor do interior e, sobre todo, o labor produtivo do val e ladeira de Monterrei que atesoura 719 hectáreas consideradas como parte da denominación de orixe, máis de seis millóns de kg de colleitas anualmente e 28 bodegas certificadas para a súa elaboración.

Moda e viño verinés

A primeira parada é en Verín, na adega Gargalo, propiedade do deseñador de moda verinés Roberto Verino, situada ao pé do Castelo de Monterrei, na ladeira orientada ao sur deste e que conta con 8 hectáreas de viñedo. Nela, poderase probar dun viño non só con certificado de denominación de orixe; tamén, co distintivo Galiza Calidade, selo outorgado pola Xunta da Galiza e que manifesta unha calidade extra ante as esixencias de denominación de orixe. Ademais, quen pise Gargalo escoitará o relato da formación da bodega no pulo de Verino por situar a súa comarca e recuperar a tradición dos seus avós maternos, cultivadores da Ribeira Sacra. Concluído este punto inicial, as persoas que estean a realizar a ruta poderán almorzar na vila até reiniciar o percorrido vinícola cara a Allariz. 

Queixo, historia e Ziralla

Xa pola tarde será o momento de conectar sabor con historia da man da histórica vila de Allariz (comarca de Allariz-Maceda). Alí, ofrécese a oportunidade de pasear polas súas rúas de pedra, unha posibilidade que vale a pena aproveitar. Para continuar, a case cinco quilómetros do centro de Allariz en dirección a Xunqueira de Ambía, párase no Ecoespazo do Rexo, espazo natural, etnográfico e artístico á beira do río Arnoia (afluente do Miño) e deseñado polo artista abstracto Agustín Ibarrola Goicochea. Nel probarase o queixo do Rexo, variedade láctea en base a leite cru de ovellas da raza latxa do País Vasco.

A continuación, unha pausa en Xunqueira de Ambía na que coñecer a súa colexiata románica de comezos do século XVI, considerada un dos monumentos máis fermosos da arte rural da Galiza. Ademais, é un tesouro a varias capas, xa que tamén conta cun claustro gótico-renacentista, de amplas proporcións con arcos de medio punto e tímpanos calados dignos de albiscar por todo quen se achegue a este lugar da comarca de Allariz-Maceda.

Baños de Molgas

Previa a volta a Ourense, pásase por Baños de Molgas (Allariz-Maceda), municipio destacado pola súa ponte romana mandada construír polo emperador Tito Flavio e edificada no século II.

Vide galardóns!

Menos coñecidos que os viños de Ribeira Sacra, os viños rexiomontáns recibiron abundantes e importantes distincións como figurar 84 deles na Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galiza ou ser nomeado o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei aos Premios Verema -vendima en catalán-. Logo, recibiron Bacchus, isto é, os premios que entrega a Unión Española de Catadores  e auspiciada pola Organización Internacional da Viña. Nel, os viños galegos tiveron un papel destacado. En concreto, os de Monterrei fixéronse con tres medallas de ouro, para as bodegas Alma de autor, Pazo de Mariñán e Quinta das Tapias Godello ademais de dous de prata, para Mara Martín de Bodegas Martín Códax e Terras do Cigarrón.

Verín como oportunidade

Escoller facer esta visita non só permite coñecer o produto local senón tamén un lugar con moito que ofrecer a quen o visite. Desde balnearios como o de Sousas, Caldeliñas ou de centenario de Cabreiróa, coñecido polas súas augas termais e medicinais e a súa contorna natural con xardíns de numerosas especies de flora, até accidentes naturais como a fervenza de Cidadella, en Vilardevós, que o escritor Silvio Santiago debuxou no seu libro homónimo sobre o municipio. A comarca tamén conta con numerosos castros, especialmente no concello de Cualedro (entre Verín e Xinzo de Limia), que alberga máis de 40 castros, e castelos como o de Monterrei, unha fortaleza medieval das mellor conservadas de Galiza e declarada Monumento Nacional en 1931. 

Asemade, existe a posibilidade de pasar por Laza, un dos berces do Entroido galego cos seus traxes de peliqueiro. Segundo as lendas, esta figura nacería na Idade Media tras a rebelión dos vasalos contra o pagamento de tributos ao conde de Monterrei que, co gallo de sometelos, crearía unha máscara coa que os pagadores percorrerían a súa xurisdición amedrentando os rebeldes. Por todo, historia e gastronomía danse a man nunha ruta na que o viño fai parte do plan.