Volve o furacán SES ao vivo e é de categoría 5

SES

Volve o furacán SES ao vivo e faino coa máxima categoría na escala de furacáns de Saffir-Simpson, a cinco. A vindeira semana inicia na Coruña a xira de presentación do seu novo traballo, ‘Opoñerse á extinción’, con dous concertos consecutivos (logo de esgotar nun vira-vira as entrada para o primeiro) no Teatro Rosalía da Coruña os días 28 e 29 de decembro.O 14 de xaneiro ofrecerá outro concerto no Pazo da Cultura de Narón, o 4 de febreiro en Vigo (Auditorio Mar de Vigo), 11 de febreiro en Pontevedra (Pazo da Cultura) e 18 en Burela (Auditorio Municipal). 

Novo disco

‘Opoñerse á extinción’ está na rúa desde o 2 de decembro. É o cuarto álbum da cantante bergantiñá que sigue sendo pura forza, inconformismo e paixón. Ela mesma define así este seu cuarto disco: “O título ‘Opoñerse á extinción’ é a síntese da actitude que amosa o disco. A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabernos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o auto-odio que tentan inculcarlle. Creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor”